Noticias
16 de abril de 2010
Semana de decisións para a LNFS e a ACFSF

Con moita competición aínda por disputar na presente tempada, o exercicio 2010-11 reclama atención na planificación. Así, esta converteuse nunha semana de decisións e proxectos para dous dos organismos reitores do fútbol sala español, a Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) e a Asociación de Clubs de Fútbol Sala Feminino (ACFSF), e, como non, para o CD Burela FS.

O mércores pasado, a entidade mariñá estivo representada polo seu directivo Antonio Ródenas como un dos 19 clubs da División de Prata presentes na Asemblea Extraordinaria da LNFS. A expulsión dos clubs que non teñan as débedas saldadas a 21 de xuño, o establecemento de novas cotas de acceso a Honra e Prata e o pagamento arbitral por xornadas foron os principais acordos da reunión, na Cidade do Fútbol de Las Rozas.

Mañá tocaralle a quenda ao fútbol sala feminino. O directivo José Luís Sáez representará o club laranxa na xuntanza que organiza a ACFSF en Madrid (12.00) para programar o calendario 2010-11, punto no que o CD Burela FS propoñerá o traslado da Copa de España ao remate da liga, como colofón da tempada, ou, no seu defecto, que se celebre de forma paralela á Copa masculina.   

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores