Noticias
19 de abril de 2010
O Burela FS adhírese á Carta Verde do Deporte Español

O CD Burela FS vén de adherirse á Carta Verde do Deporte Español, iniciativa posta en marcha polo Consello Superior de Deportes, en colaboración co Comité Olímpico Español, a Fundación Biodiversidade de Medio Ambiente e a ONG Green Cross España. O club mariñán formalizou o seu compromiso co medio natural a semana pasada na sinatura do devandito documento, tras o visto e prace do CSD.

A entidade laranxa mostrou o seu interese a través da escola deportiva, dirixida por Alfonso Mera, coa idea de “protexer o medio natural e fomentar o desenvolvemento sostible a través do deporte e os valores que este leve asociados”. No propio marco de actuación, o club tamén lle trasladou ao Concello de Burela a posibilidade dunha intervención conxunta, nunha xuntanza coas concelleiras de Deportes, Neves Cando, e de Educación e Medio Ambiente, Lucía Bouza.

As responsabilidades adquiridas polo CD Burela FS con esta adhesión centraranse no aforro de auga e enerxía, no apoio á reciclaxe, na preservación do patrimonio, na loita contra a violencia no deporte e no fomento da inclusión de todos os sectores sociais. Así, entre as actividades, a entidade xa ten programada a incorporación de lámpadas de baixo consumo nas súas instalacións, o uso de papel reciclable, a difusión da Carta Verde a través do regulamento de réxime interno e dos propios medios de comunicación e publicidade, ademais de renovar a súa colaboración con sectores desfavorecidos e organizacións sociais (Camiña, Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, Centro San Aníbal...) e organizar o Premio á Sostibilidade.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores