Noticias
23 de abril de 2010 Foto: Carlos Echevarría
As burelás regresan á liga en duelo directo ante o Navalcarnero

Despois de tres semanas, o Burela FSF Pescados Rubén regresa á liga da División de Honra en duelo directo a domicilio ante o Atlético de Madrid Navalcarnero. O encontro dará comezo mañá ás 20.00 horas, no pavillón municipal La Estación.

Con 42 puntos, madrileñas e burelás ostentan a sexta e sétima posición respectivamente, co descanso aínda pendente para o Navalcarnero.

A vixésimo sexta xornada de Honra pode servir para alixeirar a metade media alta da táboa e que algún dos implicados reduza a fenda coa cuarta praza do UCAM Murcia (47). Un só punto separa a quinta praza do Diamante Rioja (42), que se enfronta en derbi ao Kupsa Logroño –duodécimo-, e a oitava, do Valladolid (41), ao que lle toca descansar.

Na bomboneira, os tres puntos quedaron en Burela por 6-4, aínda que nesta nova cita as laranxas deberán ser prudentes ante a fortaleza das madrileñas como locais; no que vai de segunda volta, La Estación só presenciou a derrota co Valladolid FSF (3-4).

 

ACFSF. A Asociación de Clubs de Fútbol Sala Feminino debatirá na súa asemblea xeral, no mes de xuño, a proposta formulada polo CD Burela FS de trasladar a Copa de España ao final da tempada. Así o decidiu o devandito organismo na xuntanza do sábado pasado en Madrid, despois de que a ampla maioría dos clubs manifetara o seu apoio á suxestión laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores