Noticias
3 de maio de 2010
O Burela FS disputará a primeira batalla pola Honra o sábado 8 na pista eivisenca

O Burela FS iniciará o seu quinto play off de ascenso á División de Honra o vindeiro sábado, 8 de maio, na pista do Space Gasifred Ciutat d’Eivissa (17.30 horas).

Para garantir a súa presenza na segunda rolda, os laranxas deberán ser mellores cós eivisencos a tres partidos. Como segundo clasificado, o conxunto mariñán contará coa vantaxe de cancha nesta primeira eliminatoria fronte á cuarta posición do Gasifred. Así, despois de enfrontarse nas Baleares, tocaralle a quenda ao inferno de Vista Alegre, o sábado 15 de maio a partir das 18.30 horas. No caso de ser necesario, o terceiro encontro disputarase o domingo 16, á mesma hora, na bomboneira.

O resto dos cruzamentos da fase de ascenso estarán protagonizados por Grupo Empresas Talavera-Fisomedia Manacor, no play off de campións, e BP Andorra-Puertollano Restaurante Dacho e Maristas Valencia-Gijón El Llano, na primeira eliminatoria. O gañador de campións ascenderá directamente e o perdedor pasará á segunda rolda cos gañadores dos outros tres emparellamentos.

Venda anticipada. Para o segundo partido da eliminatoria, e primeiro en Vista Alegre, o club laranxa disporá a venda de entradas dende o 10 de maio, nas oficinas do CD Burela FS.  As tarifas para os socios/as burelistas serán de 3, adultos/as, e 2 euros, xuvenís (14-17 anos); os non socios/as deberán pagar 8 e 4 euros respectivamente. As entradas de socio tan só se poderán retirar presentando o carné de abonado da tempada 2009-10.

 

TOYOTA YARIS

Ata o 15 de maio todos os interesados/as poderán facerse con rifas do Toyota Yaris que sorteará (ante notario) o club laranxa durante o descanso do Burela FS-Eivissa en Vista Alegre.

A persoa premiada estreará un vehículo totalmente equipado e preparado para saír á rúa, cos impostos de matriculación e rodaxe incluídos, ademais dun ano de seguro contratado.

As papeletas (10 euros) pódense adquirir nas oficinas do CD Burela FS, nos establecementos burelaos A Parrillada de Jandro, Vista Alegre e O Trisquel, na tenda de deportes focega Living Sport e en Casa Selmira, de Cangas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores