Noticias
7 de maio de 2010
Comeza a hora da verdade para os laranxas

Comeza a hora da verdade para o Burela FS. Mañá, ás 17.30 horas, os pupilos de Suso Rey saltarán á pista balear de Sa Blancadona para facerse coa primeira das tres batallas que os enfrontarán ao Space Gasifred Ciutat d’Eivissa, na primeira eliminatoria da fase de ascenso a Honra.

Aínda que por traxectoria e resultados o Burela FS parte como favorito ante o cuarto do Grupo Sur, a pugna nas illas non se presenta nada doada. Para os laranxas, que chegaron hoxe a Eivissa tras máis de vinte e catro horas de desprazamento, o maior hándicap reside no tipo de pista. Os mariñáns, acostumados a un xogo rápido e dinámico, xa adestraron durante a semana en superficies de goma na Mariña para habituarse á lentitude da cancha de Sa Blancadona.

No que respecta á profundidade de vestiario, fronte á experiencia nestas lides de Juanma, Purao, Edu ou Revilla e a frescura de Dani Martín ou Javi Rodríguez, o Gasifred, cun conxunto compensado, posúe o control e resolución de Flavio, como baluarte do cadro, e a magnífica finalización de Carrión, un dos máximos goleadores de Prata con 33 tantos.

Esta será a segunda vez que galegos e baleares se enfronten nun play off. O destino xa os cruzou na primeira fase de 2007-08, con éxito para os laranxas (2-4 e 4-1).

Transmisión. A afección burelista poderá seguir o Gasifred-Burela FS a través da emisora eivisenca Radio Energía Online, integrado no programa ‘Tardes de Fútbol’, que comezará media hora antes o asubío inicial. O diario dixital balear esfreus.net tamén fará un seguimento en directo da cita de play off entre locais e burelaos, con narración escrita das xogadas, marcador simultáneo, fotos e a posibilidade de engadir comentarios; ademais, o xornal colgará un resumo en vídeo con posterioridade.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores