Noticias
8 de maio de 2010
O Burela ponse por diante na eliminatoria do ascenso, ao vencer por 4-5 en Eivissa

O Burela imponse na pista do Gasifred Eivissa por 4-5 e adiántase na primeira eliminatoria de ascenso a División de Honra. O conxunto dirixido por Suso Rey logrou superar o factor cancha dos eivisencos realizando un encontro moi serio que xogou coas ideas moi claras.

No inicio, ambos os conxuntos tentearon o seu rival pero esta fase durou pouco xa que Dani Martín, protagonista do choque cun hat-trick, inaugurou o marcador co 0-1, minuto 3. O tanto reforzou a confianza burelense ante un Gasifred dubitativo ata que comezou a adiantar a súa presión. Edu respondeu con autoridade as primeiras acometidas locais.

No minuto 12 chegou a xogada polémica do encontro, expulsión con vermella directa do xogador local Flavio que foi moi protestada polos insulares. O Burela afrontou dous minutos con superioridade numérica que non logrou aproveitar grazas ao acerto do meta local. Ata en tres ocasións salvou Iván o seu equipo de encaixar o 0-2. Xa con igualdade na pista, Ernesto aproveitou unha indecisión defensiva dos burelenses para establecer o empate. Cando aínda se celebraba na bancadas o empate, Juanma silenciou ao público co 1-2 que propiciou que o Gasifred arriscase coa opción de porteiro-xogador.

Sen cambios no marcador chegouse ata o último minuto, cando Minu estableceu o 1-3 tras un disparo desde o seu propio campo e Miguelito, a pase de Ferreiro, reforzou a esperanza local marcando o 2-3 co que se chegou ao descanso.

No segundo acto, a dinámica e intensidade do choque aumentou por ambos os conxuntos e de novo apareceu a xenialidade de Dani Martín para situar o 2-4. O tanto minou a moral eivisenca, que recibiu outro duro golpe co 2-5, logrado outra vez por Dani Martín, que foi un auténtico pesadelo para o Gasifred. Cun marcador tan desfavorable, Bartual, técnico local, recorreu outra vez ao porteiro-xogador e, a diferenza do primeiro período, conseguiron inquietar o Burela. Sebas marcou o 3-5 e Ernesto, no último minuto, estableceu o 4-5, que obrigou os burelenses a sufrir ata o asubío final.

 

Ficha técnica

 

Space Gasifred Eivissa: Iván, Carrión, Vega, Flavio, Mario – cinco inicial- Herrero, Sebas, Miguelito, Clayton, Coria e Ernesto.

CD Burela FS: Edu, Purao, Revilla, Juanma, Dani Martín –cinco inicial- Minu, André, Javi Rodríguez e Cristian.

Goles: 0-1, m.3, Dani Martín; 1-1, m.15, Ernesto; 1-2, m.15, Juanma; 1-3, m.20, Minu; 2-3, m.20, Miguelito; 2-4, m.22, Dani Martín; 2-5, m.32, Dani Martín; 3-5, m.35, Sebas; 4-5, m.40, Ernesto.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores