Noticias
14 de maio de 2010
Na busca da senda triunfal ante o vicepechacancelas

O Burela FSF Pescados Rubén recibe este domingo o Castelldefels FSF, vicepechacancelas da categoría, co obxectivo de recuperar a senda triunfal. Vista Alegre acollerá o encontro, con entrada gratuíta, a partir das 12.00 horas.

Despois de dúas derrotas e un empate, ás pupilas de Javier Pardeiro preséntaselles unha boa oportunidade de escalada dende a oitava praza (43 puntos), posto que o sétimo, o Valladolid (44), terá a complicada visita á pista do líder cordobés; o Atlético de Madrid Navalcarnero, sexto con 45 puntos, recibirá o Ponte Ourense, undécimo.

Os números non reflicten unha boa tempada das catalás, ás que, con 14 puntos na súa cuadrícula, lles tocará unha dura loita pola permanencia ata finais do exercicio. En 28 xornadas tan só conseguiron 4 vitorias e 2 empates, pero precisamente un dos rivais neutralizados foi o Burela FSF (7-5). Ata agora, como visitante, só puido rescatar 1 punto fronte ao Pinto Cellosa Torrejón (2-2) e 3 ante o Kupsa 4 Arcos Logroño (1-3). O conxunto barcelonés vén de impoñerse, na casa, ante outro dos de abaixo, o Teldeportivo (6-2).

Entre o público do Burela FSF-Castelldefels estará unha nutrida representación da escola asturiana Cangasport, que disputará un amigable coa EDM Burela FS pola tarde, nas categorías prebenxamín (16.00 horas) e benxamín (18.00 horas). O conxunto cadete de Cangas del Narcea tamén se medirá ao Viveiro FS (17.00 horas) na localidade.

Play off masculino. No caso de que o Burela FS masculino teña que disputar o terceiro partido da primeira eliminatoria de ascenso a Honra -previsto para o domingo (18.30 horas)- ante o Space Gasifred Ciutat d’Eivissa, o club porá á venda as entradas en Vista Alegre pola mañá, coincidindo co encontro do Burela FSF, e unha hora antes do asubío inicial.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores