Noticias
16 de maio de 2010
O Burela FS segue adiante na loita polo ascenso logo da vitoria ante o Eivissa (3-2)

Vista Alegre volveu lucir as mellores galas para presenciar o que finalmente sería partido decisivo na primeira rolda de eliminatorias polo play off a Honra 2009/10. Volveron as sensacións no límite á ‘bomboneira’ laranxa e agárrense que hai curva, porque a escalada á máxima categoría véndese cara este ano e apunta a partidos de vertixe, coma o do sábado á tardiña.

Comezou mandando no xogo o equipo de Suso Rey, que en ningún momento perdeu a cara ao partido, malia que se adiantaron con dous goles os das illas. Carrión adiantou o Gasifred no minuto 13 de xogo (0-1) e, xa na segunda parte, Vega volveu marcar (0-2) nada máis reiniciar o choque para desconsolo da parroquia mariñá.

O equipo laranxa non se descompuxo e mantivo a fe ata o último instante. Javi Rodríguez puxo o 1-2 no electrónico logo dun quebro ao interior que culminou cun precioso disparo que se colou pola cruceta rival (minuto 28). Os xogadores pediron entón folgos a Vista Alegre e a bancada empurrou con todas as súas forzas. Juanma facía xustiza e puña cando menos un empate no marcador (2-2. Minuto 33), cun disparo seco dende fora da área. Varios balóns aos paus e unha man clara que non foi sancionada como penalti evitaron o triunfo no tempo regulamentado. En resumidas contas: final e prórroga de cinco minutos ata chegar aos penaltis, se ningún iluminado o impedía.
E entón chegou o ‘Mariscal’ co número 8 ás costas, puxo o arco de Iván entre cella e cella e dixo “esta é para min” e mandou un disparo envelenado que deu dúas veces nos paus antes de volver a pelota aos seus pés. “Estás de coña?”, debeu dicir o de Alfoz antes de volver tirar e mandar o balón, esta vez si, ao fondo da portería. O árbitro xa pitara gol, pero o respiro de alivio de Vista Alegre resoou na Mariña enteira.

O Burela FS segue vivo no play off de ascenso a Honra. Espera o Puertollano na vindeira eliminatoria. Será o sábado que vén en Vista Alegre. No primeiro partido da serie a tres que se resolverá, esta vez si, lonxe da ‘bomboneira’.

 

Ficha do partido


CD Burela FS: Edu, Purao, Revilla, Juanma e Dani Martín. Tamén xogaron Minu, André, Javi Rodríguez e Christian.


Space Gasifred Eivissa: Iván, Mario, Vega, Coria e Carrión R. Tamén xogaron: Herrero, Miguelito, Ernesto, Sebas e Clayton.

Goles: 0-1, Carrión R. (minuto 13); 0-2, Vega (minuto 21); 1-2, Javi Rodríguez (minuto 28); 2-2, Juanma (minuto 33); 3-2, Juanma (minuto 44).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores