Noticias
18 de maio de 2010
Psicoloxía deportiva para inaugurar as II Xornadas Formativas Burela FS

O CD Burela FS inaugurará mañá a segunda edición das súas Xornadas Formativas, coa intervención da psicóloga deportiva do Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS, Graciela Lois. Así o anunciaron hoxe o directivo da entidade laranxa Marcelino Luna e o director da EDM Burela FS, Alfonso Mera, na presentación do ciclo, que se prolongará ata o mes de xuño, cun total de cinco relatorios a cargo de persoal especializado en deporte e nutrición.

Con estas xornadas, o club burelista busca “complementar as ensinanzas que xa recibe o alumnado da EDM nos adestramentos semanais ao longo do curso, transmitindo os beneficios do fútbol sala”, segundo explicou Alfonso Mera, que tamén advertiu que nesta segunda edición se alternará a formación teórica e práctica. Ademais do alumnado das escolas e dos pais/nais, as devanditas charlas tamén están destinadas a todas aquelas persoas que estean interesadas no fútbol sala.

Tras o achegamento á psique, a fisioterapia e a alimentación saudable centrarán as seguintes conferencias, do fisioterapeuta burelista David Mariña e a nutricionista Alba Vila respectivamente. O 1 de xuño, o adestrador de porteiros do CD Burela FS, Marcelo Santoro ‘Neco’ tratará a preparación de gardametas, xunto a Edu e Brais, cunha sesión práctica. O broche final correrá a cargo do técnico do Gijón-El Llano, Hugo Nava, abordando a iniciación á técnica, o día 9. 

  

Mércores 19 de maio

“Aspectos psicolóxicos no deporte”
Relatora: Graciela Lois, psicóloga deportiva do Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS
Hora: 17.00 h. Lugar: IES Monte Castelo

 

Venres 21 de maio

“Fisioterapia deportiva”
Relator: David Mariña, fisioterapeuta do Burela FS
Hora: 20.30 h. Lugar: IES Monte Castelo

 

Xoves 27 de maio

“Alimentación saudable”
Relatora: Alba Vila, nutricionista do Centro de Dietética e Nutrición ‘Alba Vila’
Hora: 18.00 h. Lugar: IES Monte Castelo

 

Martes 1 de xuño

“O adestramento específico de porteiros”
Relatores: Marcelo Santoro, Neco, técnico de porteiros do CD Burela FS, xunto a Eduardo Saavedra e Brais García, gardametas do Burela FS
Hora: 15.45 h. Lugar: Pavillón Vista Alegre

 

Mércores 9 de xuño

“Iniciación á técnica”
Relator: Hugo Nava, adestrador do Gijón-El Llano e director da Escola de Futbol Sala Siero
Hora: 17.00 h. Lugar: IES Monte Castelo

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores