Noticias
31 de maio de 2010
O Burela despídese con honra da fase de ascenso tras caer en Puertollano

O Burela puxo fin á súa brillante singradura nesta tempada en Puertollano onde caeu (3-0), con honra, no terceiro e definitivo encontro da fase de ascenso á máxima categoría.

O encontro comezou con moitas precaucións por ambos os bandos para evitar concesións ao rival, en consecuencia as ocasións claras de gol foron escasas. Nesta fase do choque primou a intensidade defensiva, a presión e a igualdade na contenda, excepto no criterio arbitral, moi sibilino durante todo o encontro. A permisividade dos colexiados cos xogadores manchegos foi un luxo do que os burelenses non gozaron. Así, no minuto 12 o Burela acumulou cinco faltas que obrigaron os laranxas a medir moi ben a súa intensidade defensiva.

No apartado ofensivo os dous equipos gozaron dalgunha oportunidade para mover o marcador inicial, aínda que ningunha delas de verdadeiro perigo. A máis clara chegou a 30 segundos do intermedio, un dobre penalti que Edu logrou deter ao polémico Párraga, que propiciou que se chegase ao descanso co marcador inicial.

No asalto definitivo, o guión mantiña as características do primeiro período ata que Fer aproveitou unha serie de rexeitamentos para bater, con certa fortuna, a meta laranxa e establecer o 1-0, minuto 23. O Puertollano co marcador favorable foi crecendo no seu xogo mentres que o Burela acusou o golpe recibido. A balanza comezaba a inclinarse do bando manchego ante un Burela que intentaba responder pero que non tiña claridade na parcela ofensiva. Nunha brillante acción individual, Werner marcou o 2-0, m.31, cun zurdazo pola escuadra ante o que Edu pouco puido facer.

A partir de aí, o Puertollano acentuou o seu dominio ante un cadro galego, que aumentou o seu nivel de nerviosismo e, en consecuencia, de precisión no xogo. Así, pouco despois Wiwi aproveitou unha imprecisión laranxa para certificar o 3-0, m.34. Acto seguido, o Burela optou polo porteiro-xogador, que foi defendido perfectamente polos locais, polo que non se albiscou ningún indicio de esperanza para a remontada, aínda que os burelenses loitaron ata o asubío final.

O detalle. O pase do Puertollano para a eliminatoria decisiva estaba selado, 3-0 e restaban 40 segundos, cando o técnico local solicitou un tempo morto innecesario que mostrou a súa escasa elegancia e deportividade. David Ramos, pediu disculpas cando rematou o encontro pero o detalle aí queda. Unha vez renovado o encontro, iniciouse a conta atrás da celebración manchega que explotou de xúbilo co asubío final para festexar a súa merecida clasificación para a rolda definitiva que disputará ante o Fisiomedia Manacor.

A AFECCIÓN LARANXA

Case unha trintena de seguidores laranxas, algúns casos dignos de admiración, estiveron presentes no terceiro encontro disputado en Puertollano e a súa presenza fíxose sentir no Antonio Rivilla, a pesar da lóxica inferioridade numérica.

Unha vez máis, a afección laranxa foi exemplar; os que estiveron en Puertollano o venres, o domingo, os que non puideron viaxar... En definitiva, a marea laranxa deixou constancia outra tempada máis que son o maior activo do CD Burela FS e unha das mellores afeccións de España. A súa ilusión é innegociable e a súa recompensa chegará algún día, aínda que a máis de un lle pese ter que desprazarse ata Burela para disputar partidos de División de Honra.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores