Noticias
23 de xuño de 2010
O Burela FS agasalla ao FS A Mariña con indumentaria deportiva para a final de 'Todos polo Fútbol'

O CD Burela FS agasallou na tarde de onte ao equipo da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, FS A Mariña, coa doazón de indumentaria deportiva, que poderá estrear na súa vindeira cita, a final da Copa Galega de Balompé ‘Todos polo Fútbol’, o venres 2 de xullo, en Burela. No pavillón Monte Castelo, o directivo do club Marcelino Luna e o director da EDM Burela FS, Alfonso Mera, foron os encargados de facerlles entrega aos xogadores de cadanseu chándal, no que lucirán os logos da asociación mariñá e do sponsor oficial da entidade laranxa, Living Sport.

A coordinadora do centro burelao, María José Nóvoa, agradeceu “a inestimable colaboración do CD Burela no programa diario da asociación e, moi especialmente, na organización da final do campionato, sen a que o FS A Mariña non podería asumir o evento”. Dende o club, Marcelino Luna manifestou a vontade do Burela FS por continuar apostando “polo deporte en igualdade a través de proxectos tan loables como o da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña e FEAFES Galicia”.

Xunto á indumentaria doada pola entidade laranxa, os integrantes de FS A Mariña tamén estrearán na gran final do 2 de xullo unhas bolsas de deporte elaboradas polos propios xogadores no taller de costura do centro burelao de Axuda ao Enfermo Mental.

Na final de ‘Todos polo Fútbol’, impulsada por FEAFES Galicia dentro do seu programa de Ocio e Deporte, participarán 11 asociacións galegas: APEM Cambre, Porta Nova, Doa, APEM Carballo, Alba, Lenda, APEM Cee, Lar, APEM Coruña, O Barco e, como anfitrión, FS A Mariña. O pavillón Vista Alegre acollerá a cita entre as 11.00 horas, coa fase eliminatoria, e as 19.00, partido do que sairá o gañador do campionato.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores