Noticias
25 de xuño de 2010
Turero seguirá no Burela FS dúas tempadas máis

O canteirán Rubén García Freije, Turero, seguirá vinculado ao CD Burela FS nas dúas próximas tempadas. O pivote trabadense formalizou esta semana a súa renovación nas oficinas da entidade laranxa acompañado polo directivo José Luis Sáez.

Turero recoñeceu a súa ledicia por manter a cor laranxa na súa emerxente traxectoria deportiva: “Tiña moitas ganas de seguir no Burela FS; no meu primeiro ano en Prata aprendín moito e para min é unha honra que o club conte comigo”. Coa mente posta xa no futuro, Turero augura espectáculo e emoción para o vindeiro exercicio en Vista Alegre: “Creo que o club sempre dará a cara. Conta cunha afección enorme e ten un percorrido difícil de igualar en Prata. Por iso creo que o ano que vén seguiremos a gozar do fútbol sala na Mariña. En Prata haberá nivel suficiente para garantir, de novo, unha boa competición”.

Pola súa banda, José Luis Sáez identificou a continuidade de Turero como un claro exemplo da “aposta decidida do Burela FS pola canteira”. “Á súa condición de promesa súmase o feito de que é un deportista da terra, que transmite uns valores irrenunciables para este club” explicou o directivo burelista, que tamén incidiu no meritorio labor do xogador no seu debut co primeiro equipo: “Estamos plenamente satisfeitos co papel que desempeñou esta tempada e cremos que este é o camiño para a xente que vén da base”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores