Noticias
13 de xullo de 2010
Os camiños de César Revilla e o Burela FS sepáranse

Os camiños de César Revilla e o Burela FS sepáranse e, tras cinco tempadas, o ala burelao non vestirá o número 7 da camisola laranxa en 2010-11. Despois dunha primeira aproximación motivada polo interese amosado dende ambas as dúas partes, as negociacións non puideron frutificar na renovación do xogador, que está considerando a posibilidade de reorientar a súa traxectoria laboral cara a outros proxectos.

Coa marcha de Revilla tamén se esvaece unha pequena parte do CD Burela FS porque a historia do club mariñán está vencellada á traxectoria deste xogador, unha das grandes referencias do vestiario laranxa, con catro play offs ás súas costas e compartindo o brazalete de capitán con Juanma. Aquel rapaz, que debutou no Cefire Burela (1997), aínda en idade xuvenil, e que os seus incondicionais deron en chamar o ‘Crack do Campón’, soubo conectar co espírito da entidade laranxa á perfección. Esforzo, compromiso e humildade servíronlle a Revilla para converterse nun dos xogadores máis queridos e valorados no regreso á súa terra, tras a etapa do Espanyol (2001-03) e Sícoris Club Lleida (2003-05). 

No final deste ciclo, o CD Burela FS deséxalle a este gran profesional a mellor das fortunas nos seus novos proxectos. Oxalá este non sexa un adeus, senón un ata logo, e algún día os camiños do Burela FS e César Revilla se volvan cruzar.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores