Noticias
27 de xullo de 2010
O Club Ribadeo FS e o Burela FS estreitan lazos na potenciación da base feminina

O Club Ribadeo FS e o CD Burela FS dan un paso máis na potenciación da base feminina estreitando os seus lazos a través dun convenio de colaboración de cara a 2010-11. O presidente da entidade ribadense, José Francisco Martínez Rodríguez, achegouse na tarde de onte ata as oficinas laranxas para formalizar o devandito acordo co máximo responsable do CD Burela FS, José Ramón González Casas.

O presidente burelista destacou a relevancia da colaboración coa entidade ribadense “na aposta por consolidar a práctica de actividade física e impulsar o deporte de base feminino na comarca da Mariña”. José Francisco Martínez tamén incidiu nos beneficios deste achegamento: “Para as nosas xogadoras é unha ilusión compartir xornadas cun equipo de referencia na máxima categoría; neste proxecto a longo prazo, as rapazas poden comprobar moi de preto que as portas do fútbol sala feminino da Mariña están abertas ata a elite e isto convértese no maior aliciente para as deportistas da base”.

No devandito marco de actuación, as xogadoras e o profesorado do Club Ribadeo FS poderán gozar de xornadas de convivencia e amigables cos membros do CD Burela FS, ademais de recibir pases especiais para presenciar os encontros laranxas e acceder a tarifas especiais nas actividades programadas dende o club. A entidade burelista tamén lles brindará a súa infraestrutura a todas aquelas rapazas que non poidan continuar coa práctica do fútbol sala por inexistencia de categorías adecuadas no seu club.

Os inicios do Club Ribadeo FS remóntanse a 1998 como un sólido xerme do fútbol sala feminino na Mariña, coa creación dun conxunto sénior en Primeira B e o traballo temperán coa escola deportiva municipal. En 2010-11 e con preto dunha trintena de xogadoras, a entidade sairá cun equipo sénior en Autonómica, que logrou o ascenso despois de acadar a segunda posición en Provincial 2009-10, e dous conxuntos nas competicións de base, alevín e cadete.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores