Noticias
3 de agosto de 2010
A coruñesa Alba López regresa ás filas burelistas

Unha coñecida de Vista Alegre regresa ás filas burelistas. É a ala-pivote coruñesa Alba López García, que volverá defender as cores mariñás despois da súa brillante tempada 2009-10 co Viaxes Amarelle FS, de Prata.

Aos seus 24 anos, a traxectoria de Alba está vinculada ao deporte da Mariña. Despois de formarse nas categorías inferiores do Sal Lence Coruña, a ala-pivote trasladouse á costa lucense para incorporarse ao Foz FSF, en Autonómica (2006-08). Na tempada 2008-09, co nacemento do Burela FSF Pescados Rubén, na nova categoría da División de Prata, a coruñesa converteuse nunha das protagonistas do espectacular ascenso laranxa á División de Honra, no primeiro ano do equipo.

Alba, que recalará en Burela para comezar a pretempada co resto das súas compañeiras o 10 de agosto, amosou a súa ledicia e entusiasmo por este novo paso na súa carreira. “Estou contenta e ilusionada por dar o salto á máxima categoría e, sobre todo, por facelo cun equipo e cunhas xogadoras que xa coñezo e cos que xa celebrei o ascenso” dixo a ala-pivote, que tamén incidiu na súa vontade de máxima implicación na elite: “Para min será unha tempada de adaptación e aprendizaxe, pero espero facelo o mellor posible porque xogar en Honra é o máximo aliciente para calquera futbolista”. “Tiven a oportunidade de seguir dende a bancada o Burela FSF a tempada pasada e son consciente de que estarei arroupada por un equipo moi compacto e un adestrador con excelentes ideas”, concluíu a coruñesa.

Directiva e corpo técnico do Burela FSF Pescados Rubén congratuláronse de contar, de novo, con Alba no vestiario laranxa, “unha xogadora que contribuíu a escribir o capítulo máis importante do equipo na súa anterior etapa na Mariña e que vén de demostrar todas as súas calidades na extraordinaria tempada que realizou co Amarelle, terceiro clasificado de Prata”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores