Noticias
6 de agosto de 2010
Paleta formaliza a súa fichaxe co Burela FS

O gaditano David Richarte León, máis coñecido como Paleta, formalizou a súa fichaxe co Burela FS esta tarde, acompañado polo vicepresidente da entidade Manuel Blanco. Procedente do CD Virgili andaluz, de Primeira Nacional A, o ala-peche de 20 anos chegou á Mariña a finais de xullo para realizar a pretempada co cadro de Suso Rey.

O novísimo xogador agradeceulle ao club laranxa a oportunidade de estrearse na División de Prata “nun club grande que aposta pola xuventude”. “Tiven o primeiro contacto co Burela FS en 2008, nos adestramentos de verán, e non vou desaproveitar o meu regreso” dixo Paleta, que aspira a “medrar persoal e deportivamente rodeado dun cadro que desborda calidade”.

Pola súa banda, Manuel Blanco expresou a satisfacción da entidade burelista  pola fichaxe desta nova promesa, que “pecha o vestiario que fará fronte á rifada liga de Prata 2010-11 a partir do 4 de setembro, cun bloque xestado entre a garra e ilusión dos máis novos e a experiencia dos incondicionais”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores