Noticias
16 de agosto de 2010
Estrea e vitoria laranxa ante o Mera FS (3-1)

A afección laranxa puido presenciar a presentación do Burela FS 2010-11, o sábado pasado, con vitoria por 3-1 ante o Mera FS, de Primeira Nacional A.

O comezo da pretempada e a falta de rodaxe sobre a pista reflectíronse no primeiro amigable dos de Suso Rey, que a pesar de despregar a súa  superioridade, tamén amosaron certos desaxustes defensivos na zona alta que lles deron máis dun susto.

Dende o ecuador da primeira parte, co 1-0 de Minu, o Burela FS non deixou fuxir a vantaxe no marcador. Na antesala do descanso, unha das caras novas, Víctor Cachón, materializaba un dobre penalti que se converteu no 2-0. O 2-1 chegou pasado o minuto 28 dunha falta indirecta. A tres minutos para o asubío final, volveu aparecer Víctor Cachón para anotar o definitivo 3-1.

O Burela FS puido facer fronte á cita a pesar da escaseza de referencias ofensivas; xunto á ausencia de Juanma, por unha contractura isquiotibial, tampouco puideron debutar Esteller, que Suso Rey preferiu reservar ante unha escordura leve durante a semana, nin Jean, por motivos persoais.

Marfil. A próxima cita dos laranxas será mañá, na Semana Eypar de Melide. O Burela FS medirase ao Marfil Santa Coloma, de Honra, a partir das 20.00 horas, no pavillón municipal.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores