Noticias
16 de agosto de 2010
O CD Burela FS preséntalle a Raquel Arias o seu plan 2010-11

O CD Burela FS reuniuse o venres pasado coa delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, en Lugo para presentar o seu traballo de cara a 2010-11. Xunto á delegada territorial e o presidente da entidade laranxa, José Ramón González Casas, tamén estiveron o xefe do servizo de Deportes da Delegación Territorial, José Manuel Rozas; o portavoz do PP en Burela, José María González Barcia; o directivo do club José Luis Sáez e o xefe de Comunicación e Mercadotecnia, Martín García Rodil.

Raquel Arias destacou o compromiso do Goberno galego co fútbol sala e reiterou a disposición da Xunta a colaborar coa entidade. Neste sentido, a delegada territorial lembrou que o Executivo galego está a colaborar decididamente “a través de distintos programas co Burela Fútbol Sala, unha entidade que aglutina seccións femininas e masculinas dun amplo abano de idades”. A delegada territorial tamén destacou “o papel fundamental do club burelao na promoción futbolística da Mariña lucense” e agradeceu a “forte aposta que a entidade está a facer para achegar o fútbol sala aos máis novos”.

O presidente do club laranxa, pola súa banda, explicoulle á representante da Xunta as actividades que a entidade ten previsto realizar nos próximos meses, facendo fincapé naquelas relacionadas coas categorías inferiores; ademais de expresar o agradecemento da familia burelista pola “inestimable axuda que vimos recibindo da Xunta”. José Ramón González Casas informou, ademais, que o club está a estudar a posibilidade de crear unha fundación para profundar no traballo deportivo da comarca. 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores