Noticias
20 de setembro de 2010
Os cadros laranxas participan na Semana Europea da Mobilidade

Reforzando o seu compromiso co medio natural, o Burela FS e o Burela FSF Pescados Rubén protagonizaron hoxe, xunto aos rapaces e rapazas burelaos, ‘Dispara a Gol’, actividade lúdico-deportiva integrada na Semana Europea da Mobilidade de Burela, baixo a organización da Concellería de Medio Ambiente.

Lucía, Cuchi, Claudia, Irene e Jozi, ademais de Brais, Christian, Adri Gaona, Manu e Juanma, gozaron dunha tarde de fútbol sala xunto aos pequenos/as que se achegaron á praza do Concello de Burela. O deporte rei na Mariña tamén terá cabida mañá, nunha nova xornada de ‘Dispara a Gol’, con máis representantes laranxas, entre as 17.00 e as 19.00 horas.

Ximnasia de mantemento, manualidades, globoflexia ou o ‘Día sen coches’, en favor do uso da bicicleta, patíns ou patinetes, son algunhas das actividades que dinamizan a vila mariñá dende o 15 de setembro, co obxectivo de concienciar a cidadanía sobre hábitos de mobilidade sostibles e razoables. A Semana Europea da Mobilidade despedirase en Burela o mércores cun circuíto de educación viaria para adultos/as e outro con bicicletas.

Esta colaboración co Concello de Burela é unha mostra máis da aposta do club laranxa pola protección do medio natural e o fomento do desenvolvemento sostible a través do deporte. A entidade burelista formalizou o devandito compromiso no mes de abril coa adhesión á Carta Verde do Deporte Español, iniciativa do Consello Superior de Deportes, en colaboración co Comité Olímpico Español, a Fundación Biodiversidade de Medio Ambiente e a ONG Green Cross España.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores