Noticias
24 de setembro de 2010
As laranxas bátense en duelo autonómico ante un reforzadísimo Ponte Ourense

A estrea ligueira das laranxas en Vista Alegre, este sábado (18.30 horas), promete espectáculo e rivalidade. O Burela FSF Pescados Rubén baterase en duelo autonómico ante un reforzadísimo Ponte Ourense, que se postula entre os candidatos ao título en 2010-11.

As internacionais Sarita (Cajasur Córdoba), Ampi (Cajasur Córdoba) e Eva (Móstoles FSF) ou a ex-burelista Souza son algúns dos nomes máis recentes que lle atribúen á escuadra ourensá o cartel de favorito, nun vestiario liderado por Manuel del Castillo, ex-técnico do coruñés Viaxes Amarelle, de Prata.

O conxunto burelista xogará para a súa afección coa ilusión de conseguir o primeiro triunfo da tempada, tras o desmesurado 6-2 recollido en Móstoles. Pola súa banda, as visitantes chegarán co reforzo anímico dos tres puntos da xornada inaugural, ante o Valladolid FSF (3-1).

Esta será a segunda cita entre ourensás e burelás en menos dun mes. Na primeira, a gran final da XX Copa Galicia (12 de setembro), a vitoria e o título autonómico recaeu nas mans laranxas, contra todo prognóstico, grazas ao 0-2 baseado nunha táctica exemplar.

 

Recollida de carnés

Os socios/as 2010-11 que aínda non teñan no seu poder o carné desta tempada poderán recoller a entrada, totalmente gratuíta, para o encontro Burela FSF-Ponte Ourense, o sábado en Vista Alegre.

As credenciais de socio tan só se poden retirar nas oficinas do club (Horario de atención: 10.00-14.00 e 16.00-20.00 horas, de luns a venres). A entidade laranxa recorda que, para recoller as devanditas acreditacións (válidas ata decembro), se deberá presentar o xustificante bancario da primeira cota, no caso de optar pola domiciliación como forma de pagamento. Con este carné, o Burela FS e miapuesta.com obsequian os socios/as laranxas cun bono de 50 euros para participar nos xogos de www.miapuesta.com/clubes.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores