Noticias
25 de setembro de 2010
O Ponte leva o derbi galego ante o Burela con unha actuación estelar de Ampi

O Burela FSF Pescados Rubén estreou a tempada en Vista Alegre cunha derrota ante o todopoderoso Ponte Ourense por 1-5. As ourensás consumaron a súa ansia de desquite, guiadas por Ampi, que realizou un gran partido tras o pau sufrido na Copa Galicia que conquistou o conxunto burelense.

Desde o asubío inicial o Ponte Ourense buscou imprimir un ritmo alto ao encontro, consciente da escasa rotación burelense, e presionou con moita intensidade a saída de balón das laranxas, que non lograron xogar nunca con comodidade nestes compases.

Ampi iniciou o seu recital particular no minuto 5 tras unha boa combinación que supuxo o 0-1. No minuto 11, apareceu de novo Ampi para bater a Jozi (0-2) e a partir de aí baixou a súa presión o conxunto visitante. O Burela empezou a ter un pouco máis o balón pero sen profundidade e con pouca velocidade; a ocasión máis perigosa do conxunto laranxa chegou por mediación dun disparo de Lara sen premio, chegando ao intermedio co 0-2.

No segundo período, un disparo de Lidia, no primeiro minuto, estivo a piques de sorprender a Eva, que desviou a córner. Neste período, o Burela equilibrou a posesión pero un contragolpe eléctrico permitiulle a Sarita marcar o 0-3 e canalizar a vitoria visitante.

Javier Pardeiro apostou por Dolo como porteira-xogadora, a falta de 14 minutos para a conclusión, obtendo recompensa por mediación de Cuchi, minuto 26. A reacción laranxa parecía chegar pero as burelenses non aproveitaron a superioridade numérica, debido á expulsión de Sarita, e Ampi sentenciou, con dous goles máis, o partido en dúas accións aproveitando os espazos e riscos que asumiu o Burela.  

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores