Noticias
13 de outubro de 2010
Os pupilos de Suso Rey impóñense a ElPozo contra vento e marea (2-0)

A bancada laranxa foi testemuña onte dun dos mellores partidos dos últimos tempos en Vista Alegre. Os pupilos de Suso Rey impúxeronse a ElPozo Ciudad de Murcia (2-0) nunha cita espectacular, que non conseguiron empañar as polémicas decisións arbitrais e na que Edu estivo sublime.

O Burela FS tivo a fortuna de recibir na bomboneira a un rival con iniciativa, que saltou á pista para xogar ao fútbol sala. Dende o primeiro minuto, ambas as dúas metas tiveron que facer fronte a perigosas chegadas, pero foi Minu quen materializou no minuto 10, aproveitando un centro de Esteller. A dous minutos para o descanso, André desaproveitou unha ocasión clara, só ante o porteiro murciano.

No segundo período, os burelistas tiveron que arrastrar a desmedida actuación dos colexiados; no minuto 25, o cadro laranxa xa acumulaba catro faltas. No entanto, no 30, Juanma puido proporcionar un extra de tranquilidade, ao finalizar un rexeitamento a un lanzamento de Esteller.

Con cinco faltas laranxas no 35, ElPozo decidiu saír pola remontada con porteiro-xogador e comezou o recital do meta burelista. Cun panorama nada favorecedor chegou o peor, a expulsión de Minu no 37, por man dentro da área local, pero aí estaba Edu, como muro infranqueable ante o penalti de Álex. As habilidades do ‘octopus’ naronés compensaron a desvantaxe numérica e neutralizaron o continuo asedio murciano ata o asubío final.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores