Noticias
27 de outubro de 2010
O CD Burela FS dá a coñecer o Infantil Feminino

O CD Burela FS contará en 2010-11 cun equipo de base integramente feminino. Vista Alegre acolleu hai uns días a presentación do cadro infantil, que a partir de novembro participará na liga de Deporte Escolar, coordinada pola Xunta de Galicia e Federación Galega de Fútbol Sala; as alumnas estiveron acompañadas polas xogadoras do Burela FSF Pescados Rubén.

Claudia, unha das capitás do primeiro equipo feminino, asume as responsabilidades na preparación do conxunto, co apoio do xogador do Burela FS Minu, configurado por Silvia Otero, Marta Fernández, Ana Reija, Paula Lestegás, Gracieth Gomes, Matilde Mendes, Dara Helena Pereira, Claudia Teijeiro e Paula Vázquez, ademais de Carla Bolaños e Yaiza Iglesias, ambas as dúas alumnas xa da EDM Burela FS en tempadas anteriores.

Claudia destacou o novidoso da experiencia “tanto para ela como adestradora coma para as alumnas, que para a gran maioría este é o primeiro contacto coas ensinanzas de fútbol sala”, pero tamén incidiu na ilusión e futuro do proxecto: “Vexo as rapazas moi motivadas e comprometidas; asisten regularmente aos adestramentos e interésanse por aprender”. “A ilusión das alumnas tamén me motiva a min para mellorar como ensinante” dixo a xogadora laranxa, que quixo felicitar as pequenas futbolistas “pola súa inmellorable actitude e polos avances ao longo do primeiro mes de adestramentos”.

 

Manifesto pola Igualdade

En concordancia con este proxecto, o CD Burela FS vén de adherirse ao Manifesto pola Igualdade e a Participación da Muller no Deporte, iniciativa posta en marcha polo Consello Superior de Deportes. O club mariñán formalizou o seu compromiso coa práctica deportiva equilibrada a semana pasada na sinatura do devandito documento, tras o visto e prace do CSD.

As responsabilidades adquiridas pola entidade laranxa con esta adhesión centraranse, como xa vén demostrando no seu día a día, na promoción da equidade no deporte como vehículo de formación e transmisor de valores, garantindo a plena igualdade de acceso, participación e representación das mulleres, de todas as idades e condición, en todos os ámbitos e a todos os niveis.

O Burela FSF Pescados Rubén, dende a máxima categoría nacional, e o emerxente EDM Burela FS Infantil Feminino son dous claros reflexos da decidida aposta laranxa por construír unha sociedade en igualdade, como declara o manifesto. 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores