Noticias
30 de outubro de 2010
Os pupilos de Suso Rey aférranse á parte alta tras o triunfo en Eivissa (3-6)

O Burela FS cumpriu na pista do Space Gasifred Ciutat d'Eivissa cun encontro goleador (3-6); tres valiosos puntos cos que os pupilos de Suso Rey se aferran á parte alta, na cuarta praza (21 puntos). Con esta, os laranxas xa encadean oito xornadas invictos.

Os mariñáns chegaron a Sa Blancadona con firmeza e sen tatexos. Pouco tardaron en ver con claridade a meta balear; os tantos temperáns de Minu (minuto 4 e 5) puxeron sobre aviso os locais, que non se bloquearon e conseguiron reaccionar cun lanzamento de Jon (minuto 8). No entanto, o continuo asedio laranxa obtivo a recompensa no 16, grazas a Purao. A un minuto para o descanso, o Gasifred puido mitigar a carreira do Burela FS a través de Leo (2-3).

O segundo período comezou con menos precisión por ambas as dúas bandas. Desta vez a primeira materialización caeu do lado local, de Jon (minuto 27), tanto co que conseguiu a igualada, pero de novo os laranxas puxeron terra polo medio, cun dobre penalti de Christian (35). Purao contribuíu á tranquilidade burelista co 3-5 (38). Xa no último minuto, Adri Gaona aproveitou, nun roubo, a presenza do porteiro-xogador eivisenco para marcar o 3-6 definitivo dunha picada dende propia pista. Os laranxas aínda tiveron o 3-7 nas zapatillas de Minu, que estrelou un balón contra o pau.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores