Noticias
21 de novembro de 2010
Valioso punto en Navarra, tras unha traballada remontada (4-4)

O Burela FS conseguiu onte un valioso punto ante OPDE Ribera Navarra, tras unha traballada remontada. Co 4-4, o cadro mariñán convértese no primeiro conxunto da tempada en saír con recompensa da pista do segundo clasificado.

Saíron os rapaces de Suso Rey moi enchufados, pero o Ribera soubo conter a fortísima presión nunha sólida defensa avanzada. Tras un par de oportunidades distanciadas dos laranxas, os locais responderon nun contragolpe para subir o 1-0, de Albert (minuto 9). Os erros defensivos condenaron de novo o Burela FS, 2-0 de Thiago (12), que chegou só á portería de Edu, e 3-0 noutro lanzamento do mesmo Thiago(15)  que a defensa burelista meteu en propia porta.

Co reinicio, apareceu un encontro ben diferente e un Burela FS máis medido e efectivo. O cadro laranxa fixo desaparecer a confusión que impuxeran os navarros  vivindo dos contraataques. Juanma puxo a serenidade que precisaban as filas burelistas recortando as distancias (minuto 26) e facendo estourar de xúbilo o máis de medio cento de afeccionados laranxas que apoiaban os mariñáns. Víctor Cachón, na súa reaparición tras unha lesión de dous meses, puxo o 3-2 (29) aproveitando de tacón un lanzamento exterior de Esteller.

As cinco faltas burelistas déronlle unha nova vantaxe ao Ribera, materializada por Passarinho nun dobre penalti (30), pero os laranxas volveron demostrar a súa temperanza sen cesar na loita; dous goles de Purao (33), a punto de entrar na meta de Abel co balón, e Adri Gaona (38), xa con porteiro-xogador, igualaron o electrónico. Nun último minuto de vertixe, con xogo de cinco por ambas as dúas partes, os mariñáns aínda dispuxeron de ocasións.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores