Noticias
16 de decembro de 2010
Venda anticipada para o Burela FS-Autos Lobelle, da Copa do Rei, desde mañá

O club laranxa abrirá mañá, venres 17, a venda anticipada para o Burela FS-Xacobeo 2010 Autos Lobelle, gran duelo na segunda eliminatoria da Copa do Rei que enfrontará os pupilos de Suso Rey cun dos titáns da División de Honra, o vindeiro mércores, 22, en Vista Alegre (20.30 horas).

O prezo das entradas será de 3 euros para socios/as (presentar carné de 2010) e 10 para os non socios/as. Os menores de 18 anos terán acceso gratuíto (presentar DNI).Os puntos de venda anticipada serán a sede do club (avenida Arcadio Pardiñas, número 97), entre mañá e o mércores, e o pavillón, o sábado, coincidindo co partido de Prata ante o Colegios Arenas Gáldar (18.30 horas).

Espectáculo e emoción non faltarán neste derbi galego a xulgar polos seus encontros. A I Copa Barrios Deportivos de Ourense, en agosto de 2010, ou o Memorial Celso Currás de Trabada, en 2009, foron algúns dos últimos amigables entre laranxas e composteláns. Porén, sen lugar a dúbidas, a cita que recorda toda a bancada laranxa é a emocionante final da Copa Galicia 2008; en Lugo, o CD Burela FS fíxose co título de subcampión, nunha cita de máxima tensión non afastada da polémicas polo comportamento pouco deportivo e a agresividade desproporcionada dos lobellistas.

O vencedor do mércores enfrontarase ao gañador de Ziérbena-Azkar Lugo, o 29 de decembro.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores