Noticias
17 de decembro de 2010
O CD Burela FS promoverá Deporte Galego e Galicia Calidade

A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e o CD Burela FS asinaron esta tarde o acordo do Plan de Patrocinio Publicitario para Equipos de Alta Competición da Tempada 2010-11, polo que os dous primeiros equipos laranxas, masculino e feminino, se beneficiarán do patrocinio da Fundación Deporte Galego e Galicia Calidade.

A Casa do Mar da localidade mariñá acolleu o acto, que contou coa presenza do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o xefe do Servizo Provincial de Deportes de Lugo, José Manuel Rozas; e o directivo burelista José Luis Sáez, recentemente nomeado director xeral da entidade por unanimidade da xunta directiva. Tamén asistiron o xerente da Fundación Deporte Galego, Javier Rico, e o deputado provincial por Lugo e portavoz do GMPP en Burela, José Mª. González Barcia.  

José Ramón Lete, que compartiu impresións con membros das diferentes categorías burelistas, transmitiu o compromiso da Secretaría Xeral para o Deporte cos clubs galegos: “Queremos apoiar os equipos galegos de alta competición nun momento no que é moi difícil para eles o mantemento do apoio da empresa privada. Estes clubs, que soportan a base do deporte de Galicia, promoverán o Deporte Galego e a marca Galicia Calidade no ámbito nacional e internacional”. O secretario xeral felicitou a directiva, xogadores e xogadoras pola súa dedicación ao fútbol sala: “Aquí está o presente e o futuro do fútbol sala; os equipos sénior do CD Burela FS sodes un exemplo de xogo limpo e traballo para os nenos”.

Pola súa banda, José Luis Sáez agradeceu e recoñeceu o esforzo da Administración como unha “valiosa axuda que redundará na potenciación do noso club dende as categorías inferiores como o seu activo máis importante”.

O devandito plan de patrocinio é unha iniciativa da Fundación Deporte Galego que puxo en marcha en 2009-10. O selo de Deporte Galego irá acompañado en 2010-11 polo de Galicia Calidade nos soportes publicitarios do Burela FS e Burela FSF Pescados Rubén, en substitución do Xacobeo 2010, que se empregou a pasada campaña.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores