Noticias
14 de xaneiro de 2011
Os burelaos arrincan a segunda volta ante un pechacancelas sorprendente

Os burelaos arrincan a segunda volta na pista do Melilla FS, pechacancelas da táboa que deu a sorpresa a semana pasada privando o OPDE Ribera Navarra da primeira praza. O encontro está programado para mañá ás 17.30 horas (pavillón Javier Imbroda Ortiz).

Na vixésima cita de Prata, o Burela FS medirase a un rival moi condicionado polos altibaixos, que só é resolutivo na casa. Os seus 12 puntos actuais son a recompensa do xogo local, en tres empates (Albacete 2-2, Cáceres 3-3 e Eivissa 3-3) e tres vitorias (Antequera 10-6, Tobarra 5-2 e Navarra 4-3). O encontro da primeira volta foi para os mariñáns, por 3-2.

Os tres puntos daríanlle aire á escuadra laranxa (sétima, 31 puntos) nos postos de play off. Esta pode ser unha boa ocasión de rabuñar algunha praza; a quinta está a dous puntos, co BP Andorra (33) como propietario, que recibe o Puertollano dende o liderado. Para os rivais máis directos do Burela FS, ElPozo Ciudad de Murcia e Arcebansa Zamora, a xornada tamén pode presentar complicacións; os levantinos defenderán o sexto posto (31 puntos) ante o noveno, Lanzarote (25), e os castelano-leoneses pelexarán dende a oitava posición co décimo, Unión África Ceutí (24).

Tras o golpe sufrido nun xeonllo na xornada pasada, Juanma non poderá participar nesta cita; no entanto, as probas realizadas ao Mariskal polo corpo médico descartan unha lesión de gravidade. A outra ausencia nas filas laranxas será Minu, que volverá aos adestramentos habituais a vindeira semana, restablecido dos problemas musculares que o mantiveron afastado dende comezos de decembro.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores