Noticias
21 de xaneiro de 2011
Burela FSF-UCAM Murcia, posta de gala para a internacional Vanessa

O Burela FSF Pescados Rubén rematará a primeira volta no templo laranxa ante o UCAM Murcia, coa posta de gala da internacional brasileira Vanessa Pereira, que, tras a súa presentación no Trofeo Raíñas Meigas, mañá estreará a camiseta laranxa en competición oficial. O encontro da décimo quinta xornada de Honra arrincará ás 20.00 horas (entrada gratuíta), en Vista Alegre, como broche do I Encontro do Deporte Base na Mariña e a visita do seleccionador nacional, José Venancio López.

As pupilas de Javier Pardeiro pecharán o primeiro ciclo de 2010-11 ante o actual pechacancelas da categoría, despois da retirada oficial do CD Campillos. Os resultados non acompañan as murcianas nesta tempada; lonxe queda a quinta praza na que remataron 2009-10. A pesar de posuír tan só 6 puntos, que o somen no fondo da táboa, o UCAM pode poñer en apuros a calquera; así o demostrou a semana pasada, co empate 3-3  do Valladolid, terceiro clasificado.

Dende o cuarto posto e 27 puntos, esta pode converterse nunha boa oportunidade para as laranxas de reducir as distancias coas pucelanas (32), que afrontan o duelo de podio co líder mostoleño con baixas importantes. Por detrás, a 1 punto, a quinta posición do Atlético de Madrid Navalcarnero visita o décimo terceiro, Lacturale Orvina.

En contraste co debut laranxa da ala-pivote internacional, considerada como unha das mellores xogadoras do mundo, a mala nova no vestiario mariñán para mañá é a ausencia de Rosana; as probas médicas realizadas á pichichi laranxa desvelaron unha rotura fibrilar no recto anterior, que a manterá de baixa un mínimo de tres semanas. Tampouco está asegurada a participación de Lidia, que se recupera dunha gripe con principios de bronquite.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores