Noticias
26 de xaneiro de 2011
O IES Monte Castelo e o Burela FS renovan o seu compromiso

O CD Burela Pescados Rubén e o IES Monte Castelo reafirmaron a semana pasada o apoio recíproco que veñen manifestando dende a fundación da entidade laranxa, en 2001, a través do traballo conxunto pola potenciación e consolidación da actividade deportiva. O director xeral do club, José Luis Sáez, recibiu na sede burelista o vicedirector do centro e coordinador do ciclo de Actividades Físicas e Deportivas, Alfonso Iglesias, para selar a continuidade do convenio.

O vicedirector do instituto burelao destacou os privilexios da colaboración co Burela FS, o que cualificou “como a máxima referencia deportiva da comarca”. “É unha honra tanto para o alumnado coma para o profesorado ter a posibilidade coñecer e traballar co club” dixo Alfonso Iglesias. José Luis Sáez agradeceu a implicación do centro no impulso e difusión do deporte “non só na súa oferta formativa senón tamén na colaboración con múltiples asociacións e equipos da Mariña”.

As axudas prestadas polo club burelao ao instituto céntranse na organización de charlas educativas e conferencias relacionadas coa sáude e a práctica deportiva, así como na promoción da aprendizaxe permanente da Aula Mentor. Por outro lado, o Burela FS tamén colabora no desenvolvemento das capacidades formativas do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas dende 2009; deste xeito, a entidade laranxa acollerá a dous alumnos/as para realizar as súas prácticas a partir de primavera. Pola súa banda, o IES Monte Castelo deixa á disposición da entidade laranxa a loxística do centro, ademais de participar en actividades das categorías de base como o Campus Internacional Mixto.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores