Noticias
4 de febreiro de 2011
As burelás poñen as pinturas de guerra para visitar o intratable Ourense

As burelás poñerán as pinturas de guerra para o trepidante derbi autonómico que as agarda este sábado na visita ao intratable Ponte Ourense. O pavillón dos Remedios acollerá o duelo entre a segunda praza ourensá (45 puntos) e a cuarta mariñá (31) a partir das 17.00 horas.

Motivación e rivalidade reinarán na pista da cidade das Burgas por ambas as dúas bandas e non só pola condicición de cita galega. As burelás, que veñen de rozar a perfección ante o Móstoles, deben manter a distancia co quinto, Atlético de Madrid Navalcarnero (30), que recibe o Alcorcón (duodécimo); ademais as pupilas de Javier Pardeiro poden ter ao seu alcance o podio, coa terceira praza do Valladolid a tan só 1 punto, que visita esta fin de semana o Diamante-La Rioja (noveno). Tras a contundente vitoria ante as valisoletanas (0-11), as ourensás, pola súa banda, tamén teñen sede de escalada, coa primeira praza a 1 punto.

O conxunto laranxa conservará a seriedade e concentración demostradas ante o gran Móstoles, de traxectoria impoluta; non se deixará apoucar pola vertixe que provocan os números do Ponte Ourense, cos reforzos das internacionais Sarita e Ampi nesta tempada. No que vai de liga, tan só o líder foi capaz de vencer as das Burgas (4-2). Non entanto, as xogadoras de Pardeiro xa saben o que é vencer a este cadro; en setembro de 2010, o Burela FSF alzouse coa XX Copa Galicia, tras vencer na final ao Ponte (0-2).

Ro e Vanessa, que evolucionan segundo o previsto de cadansúa rotura fibrilar, serán as ausencias do banco mariñán para o sábado.

 

Afección. O club laranxa, en colaboración coa Delegación de Deportes do Concello de Burela, poñerá á disposición da afección un autobús e entradas gratuítas para a cita autonómica. Os seareiros/as poderán facer a súa reserva ata mañá nas oficinas do CD Burela FS (avenida Arcadio Pardiñas, número 97) ou enviando un correo electrónico a burelafs@burelafs.org, no que indiquen nome, apelidos e DNI. O bus partirá da estación burelá ás 10.30 horas do sábado.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores