Noticias
24 de febreiro de 2011
O farol vermello visita os pupilos de Suso Rey

Os pupilos de Suso Rey recibirán este sábado o farol vermello da categoría, Extremadura Cáceres 2016 en Vista Alegre, a partir das 18.30 horas.

O Burela FS intentará recuperar a liña triunfal e volver a un bo xogo, arroupado pola bancada laranxa, ante un rival que non consegue saír do máis fondo da táboa (14 puntos). Cos reforzos do pivote brasileiro Cassio e o peche italo-brasileiro Lucas no mercado invernal, os estremeños tan só conseguiron un punto na segunda volta e encadean seis xornadas co marcador en contra. De todos os xeitos, os mariñáns xa experimentaron a valentía dos cacereños, acostumados a resultados moi rifados con oito empates na súa cuadrícula, entre eles a anterior cita co cadro burelista (3-3).

Os pupilos de Suso Rey non poden desaproveitar esta oportunidade de manter a fenda de play off. Dende a oitava praza (40 puntos), a escuadra mariñá ten a tiro de pedra o Arcebansa Zamora (40), coa complicadísima visita ao líder puertollanense. A un só punto dos burelistas, Andorra viaxa a Brihuega (12º) e ElPozo Ciudad de Murcia a Albacete (16º).

O técnico local cumprirá o terceiro e último partido de sanción imposto polo CNFS tras a expulsión ante o Unión África Ceutí por protestar unha decisión arbitral.

 

Entroido Laranxa

Coincidindo coa cita ante os cacereños, o Burela FS recibirá a don Carnal co Entroido Laranxa 2011. A entrada será gratuíta para todos os seareiros/as que acudan disfrazados. As mellores ideas recibirán atractivos premios, cedidos pola Parrillada de Jandro, Living Sport e o club, nas categorías de grupos (cocido na Parrillada de Jandro para 10 comensais), parellas (abono Dúo para 2011-12) e individual (equipamento completo do Burela FS); nesta última tan só concursarán os menores de 16 anos. A peña A Pataca Naranxa tamén reunirá os seus socios e socias nun suculento xantar carnavaleiro na Parrillada de Jandro o sábado 26, a partir das 15.00 horas.

 

Liga Nacional Xuvenil

Como antesala da cita de Prata, o Burela FS xuvenil disputará, dende o liderado da Liga Nacional, o derbi provincial co Azkar Lugo, terceiro clasificado; será ás 16.00 horas en Vista Alegre.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores