Noticias
25 de marzo de 2011
As pupilas de Pardeiro reciben o Lacturale Orvina como penúltimo clasificado

As pupilas de Javier Pardeiro reciben, na vixésimo terceira xornada de Honra, o Lacturale Orvina como penúltimo clasificado. A cita dará comezo mañá, ás 18.30 horas, no pavillón Vista Alegre.

O Burela FSF Pescados Rubén verase as caras cun conxunto que pelexa por saír dos postos de descenso (17 puntos) e que ata o momento só foi capaz de puntuar na súa pista; de feito, na primeira volta arrincoulles ás mariñás un empate (2-2). Aínda que dende a cuarta praza (39) o cadro laranxa é favorito, as locais deben afrontar o partido con cautela, posto que as navarras chegarán moi animadas despois de romper a etapa de oito xornadas sen triunfos a semana pasada,  ante o Valladolid (4-2).

A única dúbida nas filas burelistas será a de Lara, que non puido completar ningún adestramento da semana pola escordadura de xeonllo que xa lle impediu participar na xornada pasada.

De conseguir os tres puntos mañá, a escuadra laranxa terá unha boa oportunidade de reducir distancias co podio, ante a difícil xornada do terceiro, Atlético de Madrid Navalcarnero (43), que visita a pista do líder mostoleño (64). Por detrás do Burela FSF, Diamante-La Rioja (36) e Valladolid (35), quinto e sexto respectivamente, reciben ao Femesala Elche (31) e Cidade das Burgas (31).

 

Baixa de Alba

A ala-pivote coruñesa Alba López García non continuará vinculada ao Burela FSF Pescados Rubén por motivos persoais. A xogadora debutou na elite futbolística en 2010-11 coa escuadra laranxa tras unha brillante tempada co Viaxes Amarelle en Prata. Despois de formarse nas categorías inferiores do Sal Lence Coruña, Alba trasladouse á costa lucense para incorporarse ao Foz FSF, en Autonómica (2006-08). Na tempada 2008-09, co nacemento do Burela FSF, na incipiente División de Prata, a coruñesa converteuse nunha das protagonistas do espectacular ascenso laranxa a Honra, no primeiro ano de vida do equipo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores