Noticias
27 de marzo de 2011
O Burela gaña con solvencia ao Orvina e achégase á terceira praza

O Burela FSF Pescados Rubén liquidou con comodidade o seu compromiso ante o Lacturale Orvina, que recibiu un claro 5-0 en Vista Alegre. Esta vitoria rompe a mala serie como local do conxunto de Javier Pardeiro que mantén a cuarta posición e, tras o empate do Navalcarnero, sitúase a dous puntos do equipo madrileño, terceiro clasificado. A escuadra burelense marcou a pauta do encontro desde o inicio, ante un cadro visitante que intentou defenderse con orde pero que careceu de recursos ofensivos. No minuto dous de xogo, Lucía abriu o marcador tras unha boa presión de Lidia que deixou en bandexa o tanto para a peche burelense. As ocasións continuaron chegando para o conxunto local aínda que a fenda no marcador se ampliou no ecuador do primeiro período. Rosana foi a autora do 2-0 e 3-0 tras recibir dous excelentes pases de Dolo.

Con este marcador chegouse ao descanso e na continuación Vanessa pechou calquera indicio de achegamento do Lacturale. No minuto 21, a brasileira aproveitou unha gran xogada de Claudia para situar o 4-0. O técnico visitante buscou á desesperada, minuto 25 de xogo, frear a superioridade laranxa ao optar polo xogo de cinco. A decisión propiciou que o choque entrase nunha dinámica pouco vistosa. O Orvina circulaba con demasiada lentitude o balón, en consecuencia o Burela defendeuse con comodidade e Irene desviou sen problemas os disparos afastados das visitantes. No tramo final, Dolo redondeou a súa boa actuación e o marcador co 5-0 final, tras unha asistencia de Rosana.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores