Noticias
2 de abril de 2011
O Burela FS remonta un 0-3 ante o segundo clasificado e rescata un punto

O Burela FS deu hoxe unha lección de como se debe reaccionar fronte a un marcador moi en contra, na visita do segundo clasificado, OPDE Ribera Navarra (3-3). A escuadra laranxa foi valente e apostou polo xogo de cinco, co que puido remontar un 0-3 no último cuarto do encontro e rescatar un punto para a súa cuadrícula.

A pesar da intensidade e das ganas de ambos os conxuntos por abrir o marcador, os goles fixéronse esperar. Antes de cumprirse o minuto 5, Juanma tivo unha extraordinaria ocasión, dende un bo avance de Esteller que aproveitou Purao a pase cruzado. Co transcurso dos minutos as oportunidades laranxas sucedíanse, pero o perigo dos navarros obtivo antes a recompensa; Carlos Anós inaugurou o electrónico (minuto 16) tras un rexeitamento de Edu, dende un saque de banda. Andresito, no 18, subiu o 0-2, co que se anunciou o descanso.

No segundo período a pegada do Ribera intensificouse. Os visitantes anotaron o 0-3 (minuto 23), ao interceptar un pase longo de André en media pista. O Burela FS seguiuno intentando, sen demasiada fortuna na finalización ata que, a falta de 10 minutos, optou pola saída de Purao como porteiro-xogador. E surtiu efecto; Víctor Cachón volveu meter os laranxas no partido co 1-3, no minuto 33. Poucos segundos máis tarde, despois dunha espectacular parada de Edu, André saíu dende a pista burelá sorteando os rivais para cederlle o 2-3 a Ique. O Ribera tamén apostou polo xogo de cinco, con Jonathan Cámara, como medida de bloqueo, pero de pouco serviu porque Víctor Cachón volveu atopar unha fenda na defensa navarra e chegou o 3-3 (37) co estalido de xúbilo en Vista Alegre. A falta de 11 segundos para o asubío final, Juanma aínda tivo nos seus pés unha magnífica oportunidade que bateu no meta navarro.  

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores