Noticias
7 de maio de 2011
O Burela vence con solvencia o Brihuega e medirase ao Gáldar no play off de ascenso

O Burela venceu con comodidade o Azulejos y Pavimentos Brihuega por 6-0 nun partido de clara cor laranxa que finiquitou na primeira parte. O conxunto dirixido por Suso Rey dominou sen demasiadas dificultades a un conxunto visitante que amosou pouco poder ofensivo. Clebinho e Purao, ambos por partida dobre, encarrilaron o choque en cinco minutos, entre o oito e o doce, e Víctor Cachón redondeou un primeiro tempo que evidenciou a diferenza entre ambos os conxuntos. Na continuación, os mariñáns alcanzaron o set en branco, tras un disparo de André que desviou Zamo e desorientou completamente o meta visitante. Co 6-0, o Brihuega intentou a opción do porteiro xogador, que resultou infrutuosa xa que os locais mantiveron a concentración ata o asubío final.

A peor noticia para os burelenses produciuse no minuto cinco de xogo cando Edu tivo que retirarse do encontro lesionado. Brais entrou á pista e nas escasas oportunidades que xerou durante todo o choque o Brihuega demostrou a súa calidade. Tras os resultados desta última xornada (3-2 gañou o Zamora ao Andorra e vitoria por 4-7 do Gáldar en Albacete), o Burela finaliza a liga regular en quinta posición e deberá medirse no play off de ascenso á División de Honra ao Colegio Arenas Gáldar. Os canarios contarán co factor cancha ao seu favor aínda que antes deberán pasar por Vista Alegre, no primeiro encontro da eliminatoria.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores