Noticias
9 de xuño de 2011 Foto: Miguel Bestué
O Burela FS homenaxea a Pescados Rubén

Coincidindo coa XVII Copa de España de Fútbol Sala Feminino Burela 2011, o CD Burela FS quixo render homenaxe a un dos principais apoios na súa traxectoria ao longo de case dez anos de historia, Pescados Rubén SL, coa concesión da Insignia de Ouro e Brillantes. O presidente burelista, José Ramón González Casas, fíxolles entrega da máxima distinción da entidade laranxa a Rubén Blanco e Cesarina Fanego, fundadores da empresa mariñá, na compaña do vicepresidente do club Manuel Blanco.

Pescados Rubén SL posicionouse como o principal impulsor do proxecto laranxa dende o sector privado, alá por 2001, na xestación dunha entidade seria que pelexaba polo desenvolvemento do fútbol sala nunha comarca que sempre sentiu predilección por este deporte. Dende entón, o seu inestimable apoio contribuíu a crear unha estrutura sólida, coa consolidación non só do Burela FS masculino, que dende 2003 milita en Prata con nada máis e nada menos ca seis play off á Divisón de Honra, senón tamén coa revelación do Burela FS feminino, nado en 2008 e con dúas tempadas xa na elite futbolística, e do afianzamento da formación de base, cunha escola deportiva que dende 2007 traballa con preto de 200 alumnos/as.

Xunto a Rubén Blanco, están en posesión da Insignia de Ouro e Brillantes laranxa o presidente da Liga Nacional de Fútbol Sala, Javier Lozano, e o seleccionador nacional absoluto, José Venancio López, distinción entregada polo CD Burela FS en xuño de 2009 e xaneiro de 2011, respectivamente, en recoñecemento á súa contribución no fútbol sala e no ensino de base.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores