Noticias
21 de xuño de 2011
Recoñecemento aos logros burelistas

O alcalde de Burela, José María González Barcia, recibiu esta tarde as/os integrantes do Burela FS Pescados Rubén e Burela FS Xuvenil no consistorio en recoñecemento á súa meritoria traxectoria en 20010-11, como semifinalista da XVII Copa de España de Fútbol Sala Feminino e subcampión de Galicia, respectivamente.

Xogadoras e xogadores estiveron acompañados dos corpos técnicos e do director xeral da entidade, José Luis Sáez, ademais dos directivos Antonio Rodenas e Marcelino Luna. Tamén acudiron ao acto os edís de Xuventude e Deportes, Beatriz Piñeiro; de Obras, Manuel Fernández; e de Cultura, Mónica Pedre; así como os concelleiros Alfredo Llano e Neves Cando, do PSOE e BNG, respectivamente.

José María González Barcia felicitou os cadros feminino e xuvenil polos éxitos acadados e por “proxectar o deporte, como representantes da vila e levar o nome de Burela por toda España”. O alcalde de Burela comprometeuse a continuar coa colaboración que “comezaron Alfredo Llano e Neves Cando na anterior lexislatura porque este debe ser un proxecto conxunto, de todos. Intentaremos implicarnos ao máximo dentro dos nosos límites”.

José Luis Sáez quixo agradecer a axuda prestada polo Concello ao longo dos últimos anos e destacou a intención do novo goberno de seguir apostando pola potenciación da práctica deportiva e polo CD Burela FS. “O club agradece o traballo de todos os xogadores/as e corpos técnicos na tempada. Sentímonos orgullosos de todos os nosos equipos; os cadros senior son o espello onde se miran os case 200 rapaces e rapazas que adestran na ED EON Burela FS e ese é o mellor trofeo que pode brillar nas nosas vitrinas” dixo o director xeral burelista. 

Pola súa banda, Claudia Rodríguez e Boris Baltar, capitáns dos seus respectivos equipos, agradeceron o esforzo dos compañeiros/as, a colaboración das institucións e o apoio dos corpos técnicos. Ambos os dous recibiron de mans do alcalde burelao un agasallo conmemorativo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores