Noticias
22 de agosto de 2011 Foto: Antonio López
Vibrante derbi no Memorial Celso Currás

Trabada viviu un vibrante derbi lugués co encontro do sábado entre o CD Burela FS e o Azkar Lugo FS, no VII Memorial Celso Currás; a garra e presión dos laranxas non impediron que o resultado caera do lado transportista (4-1). O título foi finalmente para o sensacional xogo do Dinamo de Moscova, que se impuxo aos lucenses por 2-7, tras eliminar nas semifinais o Autos Lobelle de Santiago (4-1).

O choque entre transportistas e laranxas deparou emoción e intensidade, con moitas oportunidades para ambos os conxuntos. No entanto, no intercambio de golpes a fortuna aliouse co Azkar para inaugurar o marcador, no minuto 9, nunha contra culminada por Aranburu. En menos dun minuto, chegou o 2-0, de Ossorio. Lonxe de virse abaixo, os burelaos intentaron reducir as distancias intensificando a presión, pero, cos dous equipos cargados de faltas, o Azkar subiu o 3-0 (minuto 15), nun dobre penalti. Juanma e Víctor Cachón, dende os dez metros, tiveron senllas ocasións sen o final desexado.

No reinicio, o Burela FS tomou a iniciativa e o peso do encontro na busca da ansiada recompensa, que chegou no minuto 30, cun gol de Ique á escuadra. Os mariñáns optaron polo xogo de cinco, abandeirado por Purao, que bateu co tanto definitivo dos lugueses, de Ossorio (minuto 38).

Próxima cita. O santuario de Vista Alegre acollerá a vindeira cita dos burelistas; será o sábado, 27 de agosto, ás 19.00 horas, ante o Concello de Trabada FS, da Terceira División.

 

Ficha técnica

Azkar Lugo: César, Juanpe, Ossorio, Iago Rodríguez e Jacobo, no cinco inicial; tamén xogaron Antonio, Kiko, Aranburu, Jhony, Adri, Diego, Illi, Jandri, Alex Diz e Óscar.

Burela FS: Brais, Clebinho, Víctor Cachón, Ique e Iago Míguez, no cinco inicial; tamén xogaron Dani Martín, Purao, Juanma, André, Turero, Manu e Iago Barro.

Árbitros: Martínez Torres e Cid Bragado (Ourense). Amoestaron con cartón amarelo a Ossorio e Kiko (Azkar). Expulsaron por vermella directa a Clebinho (Burela).

Goles: 1-0, minuto 7, Aranburu; 2-0, minuto 9, Ossorio; 3-0, minuto 15, Aranburu (dobre penalti); 3-1, minuto 30, Ique; 4-1, minuto 38, Ossorio.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores