Noticias
26 de agosto de 2011
Elixe o teu regalo: faite socio/a, faite laranxa

Coincidindo co seu décimo aniversario, o CD Burela FS-Pescados Rubén abre a campaña de socios/as para a tempada 2011-12 baixo o lema ‘Elixe o teu Regalo: Faite Socio/a, Faite Laranxa’ porque o agasallo que máis aprecia a gran familia burelista é precisamente ese apoio incondicional de cada neno/a, mozo/a ou adulto/a que anima sábado tras sábado en Vista Alegre.

Despois dunha década de ilusión, emoción e espectáculo, arroupado por unha numerosa e fiel afección sen fronteiras, o club laranxa celebrará o seu pasado, presente e futuro co obxectivo de incrementar a familia e ir a “polo socio/a 1000”, nunha comarca, a da Mariña, que devece polo bo fútbol sala e de elite. 

Prezos moi atractivos
Coa chegada de 2011-12 e como agasallo burelista, baixan os prezos laranxas e incorpóranse atractivas vantaxes en abonos para adaptarse aos afeccionados/as, especialmente para os máis novos. Deste xeito, a entidade fará desaparecer o Abono 17 (14-17 anos) e os partidos de Primeira División Feminina e Segunda Masculina serán totalmente gratuítos para os menores de 18 anos. Nas tarifas especiais, o Abono 25, destinado a persoas entre os 18 e os 25 anos, pasará de 50 a 40 euros, e o Abono de Xubilado (60 euros) manterase sen modificacións. No que respecta ás tarifas convencionais, o CD Burela FS-Pescados Rubén conservará o Abono Simple (75 euros) e o Abono Dúo (125 euros), coa posibilidade de acceder ao pack desconto de 2 carnés, sen a necesidade de existir vínculos familiares entre os socios/as.

Para facilitar a forma de pagamento, os socios/as terán a opción de fraccionar o importe do seu abono en dúas cotas (50% en setembro e o resto en decembro), soamente se así llo comunican á entidade (avenida Arcadio Pardiñas, número 97, entresollado, teléfono: 982 581 815).

En www.burelafs.org, terán á súa disposición o formulario de socios/as 2011-12, que poderán cubrir e enviar por correo electrónico (burelafs@burelafs.org), sen saír do seu domicilio.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores