Noticias
15 de setembro de 2011
A incógnita sotorrealeña, primeiro test das laranxas lonxe da casa

O Burela FS Pescados Rubén viaxará a Madrid para medirse ao Soto del Real, na segunda xornada de Primeira División Feminina (sábado 17, pavillón municipal, 18.00 horas). No seu primeiro test lonxe da casa, as laranxas estarán ante a incógnita dun rival que estrea adestrador.

Ambas as escuadras sairán á pista na busca da primeira vitoria de 2011-12, tras a mala fortuna das burelistas ante o Móstoles (0-3) e a contundente derrota das madrileñas en Córdoba (8-0).

“Enfrontámonos a un equipo que mantén a base do ano pasado cun quinteto moi definido e con moitos minutos de xogo, con Helen, Martica, Laura Jiménez, Chili e o seu máximo referente, Pitu; no entanto, para nós será un enigma, sobre todo táctico, ante a chegada de Iván Igea como novo adestrador”. Para o estratega laranxa, a clave radica en adiantarse no marcador ante un conxunto moi correúdo como local: “Teremos como hándicap a excesiva lentitude da pista, de goma, que favorece a disposición defensiva das sotorrealeñas. Se conseguimos inaugurar o marcador, obrigarémolas a abrir as liñas para facilitar a nosa finalización”.

Pardeiro poderá contar co vestiario ao completo para a cita madrileña, despois da boa evolución nos adestramentos de xogadoras como Ro, Claudia ou Lidia, que arrastraban senllas molestias.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores