Noticias
23 de setembro de 2011
Vista Alegre e o Burela FS bótanlle un pulso ao impoñente Ponte Ourense (sábado 24, 17.30 horas)

O excepcional ambiente de Vista Alegre e o Burela FS Pescados Rubén botaranlle un pulso ao impoñente Ponte Ourense, que recala en terras mariñás como un dos serios candidatos ao título cun cadro avalado pola liga 2010-11 e a supercopa. O derbi galego terá lugar este sábado, 24 de setembro, na terceira xornada de Primeira División Feminina, a partir das 17.30 horas.

As pupilas de Pardeiro, sen baixas, tratarán de continuar co perfeccionamento do xogo e o engarzamento do equipo despois da primeira vitoria laranxa da tempada (Soto del Real 0-2), ante un rival que tras o magnífico inicio de liga, ante o novel Majadahonda (2-11), a xornada pasada tivo que conformarse co xustiño empate do Cajasur Córdoba (2-2) no debut ante a afección ourensá.

As ausentes nas filas pontinas serán a gardameta Sara, que xa non puido comezar a tempada por unha lesión de ombro que a manterá varios meses afastada da competición, e a ala-peche Laura, cun problema de menisco, cuxo alcance está pendente de valorar polo persoal médico. A estas dúas baixas, súmanse, segundo a información facilitada polo club ourensán, as molestias que levan arrastrando Marta, Ampi e Souza.

Antes do asubío inicial, Vista Alegre gardará un minuto de silencio en memoria do socio burelista Martín Iglesias Verdes, falecido esta semana.

Televisión de Galicia. O encontro poderase ver en directo a través de www.crtvg.es e en diferido por TVG2, ese mesmo día ás 20.00 horas, despois do Alcorcón-Deportivo (Segunda División de Fútbol), previsto para as 18.00 horas. O xogador do Burela FS Christian Palmeiro, da Segunda División, colaborará na retransmisión como comentarista.

Abonos 2011-12. Os socios/as burelistas poderán recoller mañá os carnés 2011-12 na bomboneira, a partir das 16.30 horas. O horario de atención da sede laranxa (avenida Arcadio Pardiñas, número 97, entresollado) é de luns a venres entre as 10.00-14.00 e as 16.00-20.00 horas.

 

O derbi en cifras

Nos catro partidos entre o Ponte Ourense e o Pescados Rubén da Primeira División, a balanza decántase levemente polo conxunto das Burgas, con dúas vitorias (5-3 en 2009-10 e 1-5 en 2010-11), mentres que as laranxas se impuxeron nunha ocasión (5-2 en 2009-10); no último enfrontamento, en febreiro de 2011, o derbi quedou en táboas (1-1). A Copa Galicia é outro cantar, no que o ritmo vén marcado pola escuadra burelá, bicampioa da cita. En 2009, as mariñás venceron as ourensás en semifinais por un contundente 0-6; en 2010, ambos os cadros se viron as caras na final, que volveu caer do lado laranxa (0-2).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores