Noticias
30 de setembro de 2011
O Burela pelexará por inaugurar a etapa de vitorias na visita do Antequera

Na terceira xornada da Segunda División, o Burela FS-Pescados Rubén volve a Vista Alegre para loitar por inaugurar a etapa de vitorias da liga 2011-12, na visita do UMA Antequera (sábado 1, 18.30 horas).

Tras os rifadísimos encontros ante o Space Gasifred Ciutat d’Eivissa (4-4) e o Sala 5 Martorell (5-5), os malagueños, abonados ao empate ata o momento, non llelo porán nada doado aos laranxas, que farán valer o factor cancha e a calor da bancada para reflectir na finalización o dominio do xogo que xa demostraron con ElPozo (3-3) e Andorra (3-6).

Enfronte a escuadra mariñá volverá atoparse cun cadro moi similar ao da campaña pasada, coa única baixa de José Arribas e as incorporacións de Javi, do Universidad de Málaga, e Isaac e Coné, do Coineña. Para Quique García o UMA é “un equipo cun estilo de xogo moi definido e que coñecemos ben. O seu grande adestrador, Moli, coñecedor da categoría coma poucos, utiliza unha defensa en media pista e un ataque rápido aproveitando a velocidade e boa circulación de balón dos seus xogadores”.

“A ilusión dos nosos xogadores é ofrecer á fiel afección a primeira vitoria na casa; o gran traballo e esforzo que están realizando merecen esa recompensa. A concentración e intensidade teñen que ser máximas durante os corenta minutos de xogo e debemos competir cada balón sabendo que pode ser a xogada máis importante do partido” adiantou o técnico laranxa. “Temos que evitar os erros na circulación do balón para que o rival non se poida aproveitar deles, ademais de impoñer o ritmo en ataque e defensa” matizou Quique García, que terá á súa disposición todo o vestiario, excepto Christian, en plena recuperación da intervención de xeonllo á que foi sometido hai un par de semanas.

Abonos 2011-12. Os socios/as burelistas poderán recoller mañá os carnés 2011-12 na bomboneira, a partir das 17.30 horas. O horario de atención da sede laranxa (avenida Arcadio Pardiñas, número 97, entresollado) é de luns a venres entre as 10.00-14.00 e as 16.00-20.00 horas.

Lotería de Nadal. Dende mañá, os afeccionados/as tamén poderán facerse co número do Burela FS Pescados Rubén para a lotería de Nadal en Vista Alegre: o 50.300.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores