Noticias
27 de outubro de 2011
Arranca o curso de Instrutor de Fútbol Sala Base en Burela

O IES Monte Castelo de Burela acolleu onte pola tarde a presentación e primeira clase para o alumnado do Curso de Instrutor de Fútbol Sala Base (Nivel 1), que se desenvolverá na vila mariñá, ata xuño de 2012, baixo a organización da Federación Galega de Fútbol. A apertura académica contou coa presenza do presidente da Escola de Adestradores de Galicia, Rafael Sáez; o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; o alcalde de Burela, José María González Barcia; o vicedirector do centro educativo burelao, Alfonso Iglesias; e o presidente do CD Burela FS-Pescados Rubén, José Ramón González Casas; así como o profesorado do ciclo. O presidente da FGF, José García Liñares, delegou a representación da entidade no membro do Comité Galego de Fútbol Sala e director xeral do Burela FS, José Luis Sáez.

Rafael Sáez destacou a riqueza do fútbol sala na costa luguesa e en Burela. “Con este curso a Federación responde con interese ao extraordinario tirón que ten o fútbol sala na Mariña achegando formación que en ocasións está excesivamente centralizada; Burela ademais facilitaralle ao alumnado unhas inmellorables condicións materiais, no IES Monte Castelo, e un corpo docente de calidade”.

“A formación de formadores sempre é esencial; nestes tempos de crise a reflexión conduce a potenciar aínda máis se cabe a base e o camiño correcto é precisamente a formación. O Burela FS así o está demostrando impulsando este tipo de iniciativas que redundarán no desenvolvemento dos pequenos deportistas” explicou o vicepresidente da Deputación facendo referencia á súa relación persoal con este deporte como adestrador de base hai anos. José María González Barcia manifestou a colaboración do Concello “sempre na medida das nosas posibilidades nun proxecto de mérito incontestable porque estes futuros instrutores terán a responsabilidade de coidar dos rapaces, de formar non só deportistas senón tamén persoas”.

O presidente do CD Burela FS agradeceu á Federación que fixera realidade unha formación que cualificou como “o xerme da profesionalización de formadores na Mariña para que este deporte siga medrando”. Alfonso Iglesias trasladou as felicitacións aos responsables do curso e reafirmou o compromiso do IES Monte Castelo “nunha iniciativa que repercutirá na calidade dos adestradores e dos deportistas”.

Por último, José Luis Sáez pechou o acto desexando a boa aceptación do curso para que “sexa a primeira pedra dunha boa traxectoria de formación na Mariña que se poida ir ampliando paulatinamente”. “O Comité Galego de Fútbol Sala é consciente do que custa manter este deporte, coñece o interese que existe na Mariña polo fútbol sala e por iso manteremos un contacto fluído con todos os clubs para tratar de coidar esta xoia” concluíu o membro da FGF.


Único en Galicia

O de Burela será o único curso da especialidade de instrutor de fútbol sala que se impartirá en Galicia en 2011-12. Baixo a coordinación do ex-adestrador do Superti-A Pontenova, José Ramón Rodríguez, Josiño, terá unha duración de 280 horas e contará entre o seu profesorado cos técnicos CD Burela FS, Javier Pardeiro e Quique García; o director da ED EON Burela FS, Alfonso Mera; o médico do club laranxa, Javier Couce; o psicólogo Marcelino Luna e a psicóloga Juana Blanco.

No bloque común, que compartirán o curso de fútbol sala e o de fútbol, con sede en Ribadeo, o estudantado adquirirá nocións sobre anatomía, psicopedagoxía, socioloxía, organización e lexislación e mais educación física de base. Despois, as técnicas individuais e colectivas, táctica e sistema de xogo, regras de xogo, educación física específica, metodoloxía e dirección de equipos serán os temas que se abordarán no programa específico. Un período de 80 horas de formación práctica completará o ciclo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores