Noticias
7 de decembro de 2011
O Burela FS pon contra as cordas o honorable Autos Lobelle (5-6)

Vista Alegre engalanouse onte de espectáculo, e espectáculo laranxa, nunha cita digna da máxima categoría na que o Burela FS Pescados Rubén puxo contra as cordas o Autos Lobelle de Santiago FS, da Primeira División (5-6). Os mariñáns tiveron que dicirlle adeus á Copa do Rei, na terceira eliminatoria, a dous minutos de finalizar a prórroga, oportunidade á que os composteláns accederon co 5-5 a escasos segundos de cumprirse o tempo regulamentario.

O Pescados Rubén apropiouse da primeira parte do duelo galego. Antes de chegar ao minuto 3, Clebinho estreou o luminoso, aproveitando de tacón un lanzamento de Juanma desviado, e continuaron as ocasións laranxas: un control de Dani Martín, só ante Álex, e un pase de André a Iago Míguez, que quedou sen forza, estiveron entre as mellores. Nuns momentos nos que comezada a imprimir certo carácter o Lobelle, Dani Martín ampliou as distancias co 2-0 (minuto 17).

Tras o descanso, o Autos Lobelle igualou a contenda nos dous primeiros minutos, por mediación de Aicardo (21), nun rexeitamento de Iago Barro, e de David (22). Os santiagueses intensificaron o seu ataque con intervencións moi oportunas do meta laranxa; no entanto, Aicardo volveu aparecer para materializar o 2-3 (minuto 33) a balón parado, tras unha falta sinalada a Cleber. Lonxe da intimidación, con este tanto o Burela FS destapou as esencias goleadoras; así Juanma aproveitou un cruzamento de Dani Martín, tras unha galopada de Clebinho, para subir a igualada no 34, minuto no que volveu avantaxar o Lobelle, nunha contra, nas zapatillas de Rubi, e Víctor Cachón recuperou as táboas, 4-4. Vista Alegre era unha festa.

Coa acumulación de faltas por parte dos composteláns, de novo o andaluz tivo nos seus pés a superioridade nun dobre penalti un pouco frouxo, pero apareceu Dani Martín (minuto 36) co 5-4 para facer estalar os máis de 800 espectadores que onte se reuniron na bomboneira. Aínda tivo oportunidade Juanma, tras a expulsión de Hamza, por dobre amarela, nun lanzamento que se lle foi alto. Con Barroso como porteiro xogador, o Autos forzou a continuidade da cita a 17 segundos do final, nas zapatillas de Chaguinha.

A chegada da prórroga tampouco defraudou en espectáculo, cunha dose extra de emoción, aínda que con menos ocasións por ambas as dúas bandas; no primeiro tempo a saída de Brais, para deter un dobre penalti de Aicardo, fíxolles seguir crendo na Copa aos burelistas. No cambio de campo, a escuadra mariñá saíu a por todas con André como porteiro xogador, pero a vantaxe chegou do lado visitante, de David (minuto 47). A 35 segundos para o final un forcexo na área lobellista negoulle unha grande oportunidade a Dani Martín e aínda seguiu pelexando o cadro laranxa recorrendo a Purao no xogo de cinco ata o asubío final.

O Burela FS Pescados Rubén despediuse da Copa do Rei cun máis que merecido aplauso de Vista Alegre.

 

Ficha técnica

Burela FS Pescados Rubén: Iago Barro, Purao, Juanma, Clebinho e Manu, no quinteto inicial; tamén xogaron Víctor Cachón, Ique, Turero, André, Dani Martín, Iago Míguez e Brais

Autos Lobelle de Santiago FS: Álex, Barroso, Hamza, Aicardo e Charlie, no quinteto inicial; tamén xogaron Palmas, Rubi, David, Chaguinha, Raúl Campos, Quintela e Carlos Barrón.

Goles: 1-0, Clebinho, minuto 2; 2-0, Dani Martín, minuto 17; 2-1, Aicardo, minuto 21; 2-2, David, minuto 22; 2-3, Aicardo, minuto 33; 3-3, Juanma, minuto 34; 3-4, Rubi, minuto 34; 4-4, Víctor Cachón, minuto 34; 5-4, Dani Martín, minuto 36; 5-5, Chaguinha, minuto 39; 5-6, David, minuto 47.

Tarxetas: Polo Lobelle recibiron amarela Palmas, Aicardo e Charlie; foi expulsado Hamza por dobre amarela (37) e o adestrador, Tomás de Dios. Polo Burela FS, tiveron cartón amarelo Manu e Clebinho.

Incidencias: Arredor de 800 espectadores/as

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores