Noticias
12 de decembro de 2011
O Panificadora estréase na táboa ante o FC Meigas de Ames (3-0)

¡Meigas fóra! O Panificadora del Eo-Ribadeo FSF conseguiu os seus primeiros 3 puntos desta tempada á custa do FC Meigas de Ames (3-0), con dominio total e absoluto das xogadoras de Martínez nun encontro que enfrontou a dous dos equipos rivais da zona baixa da clasificación. O marcador puido ser de escándalo a favor do Panificadora se as súas xogadoras tivesen máis tino na finalización. Corenta e tres disparos das locais dirixidos cara á portería visitante dos que tan só tres cruzaron a liña de gol. A boa actuación da porteira visitante, os paus e o desacerto dos ribadenses evitaron un marcador máis avultado.

Ao descanso chegouse con 0-0 e a continuación foi un espello da primeira metade. Todo o xogo se desenvolvía na media cancha visitante e tan só nalgunhas contras se achegaban as de Ames á portería local, que Antía resolvía con eficacia. Transcorría o minuto 25 cando Ana aproveitou un fallo da meta visitante e marcou a porta baleira. Tres minutos máis tarde Elena resolveu unha melé dentro da área visitante e conseguiu o segundo para as locais. Posteriormente, foi a recuperada Nuria, debutante esta tempada na categoría, quen, a falta de 5 minutos para o final, subiu o 3-0 definitivo de forte disparo desde aproximadamente 10 metros.

O Panificadora visitará a próxima xornada o pechacancelas, Mesón Río Ulla de Vedra, outro dos equipos que aínda non coñece a vitoria e que se lles presenta accesible ás mariñás para conseguir dúas vitorias consecutivas.

Provincial feminina. O Xoula regresou sen carga da súa visita ao líder, Friol (3-0).

Provincial masculina. Tres novos puntos suman os ribadenses fóra do seu feudo ao vencer a domicilio por 3-4 ao Taboada. Partido de rivalidade local toca a próxima xornada en Ribadeo fronte ao CD Cubelas FS.

Ficha técnica

Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Antía, Ana, Eva, Fátima e Elena, cinco inicial; tamén xogaron María, Nuria, Toñi e Arancha.

FC Meigas: Kati, Yaiza, Amanda, Raquel e Andrea Cutrin, cinco inicial; tamén xogaron Andrea da Silva, María, Lara e Ayelen.

Árbitros: Benjamín Rivas Fouz e Arcilio dos Santos Mon, da delegación lucense. Mostraron cartón amarelo a Amanda e dobre amarela a Yaiza, polo FC Meigas, e amarelas a Eva e Antía, polo Panificadora.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores