Noticias
5 de xaneiro de 2012
O Burela FS regresa ante o Diamante Rioja, co desazo da grave lesión de Lucía

O Burela FS Pescados Rubén regresa á competición de Primeira e estrea 2012 o sábado en Vista Alegre (18.30 horas) ante o Diamante Rioja, co desazo da grave lesión de Lucía, tras o infortunio sufrido nun adestramento durante o Nadal. Nas últimas horas, o corpo médico do club confirmou a gravidade do diagnóstico, unha rotura completa de ligamento cruzado anterior que manterá a pichichi laranxa afastada das pistas probablemente ata finais da tempada.

Dende a oitava praza (16 puntos), as pupilas de Javier Pardeiro intentarán darlle continuidade ao bo xogo demostrado en Pamplona (Orvina 1-6) e brindarlle a vitoria a Lucía. O que fora equipo das laranxas Peque e Maite é décimo terceiro, con 9 puntos; ata o momento só conseguiu puntuar como local (Valladolid 2-1, UA Alicante 3-2 e Soto del Real 5-3).

“Estivemos adestrando ben durante o Nadal e volvemos con forza, aínda que algo tocados emocionalmente pola mala noticia de Lucía” dixo Javier Pardeiro, que insistiu en non subestimar o rival e na capacidade do Burela FS para loitar contra as adversidades: “Medímonos a un conxunto que non atravesa un bo momento pero está intentado mover o mercado para mellorar; ademais un dato a ter en conta é que na súa última cita a domicilio, ante o Ponte Ourense, foi por diante con 0-1 ata 8 minutos para o final. No que respecta ao noso traballo, rematamos o ano nunha boa liña, cun partido moi completo ante o Orvina, e temos que volver a ese camiño con máis ganas aínda se cabe para dedicarlle os tres puntos a Lucía” explicou o técnico laranxa.

Outro dos desaxustes nas filas burelistas para o sábado recae en Haydee, que arrastra dende hai días molestias de abductores. Segundo a información facilitada polo vestiario diamantino, “Bea Martín adestrou de forma individual para fortalecer o xeonllo e poder estar en plena forma para este partido. Será baixa Barbi por lesión”.

Sorteo Time Force. A entidade laranxa sorteará un Time Force, reloxo oficial da LNFS, o sábado 21 de xaneiro, coincidindo co seguinte encontro do Burela FS na casa, ante o Rubi. As rifas poderanse adquirir no pavillón Vista Alegre este mesmo sábado e nas oficinas do CD Burela FS (Arcadio Pardiñas, número 97, entresollado) ao prezo de 2 euros.

Calendario Laranxa 2012. O sábado tamén estará dispoñible no pavillón o Calendario Laranxa 2012, no que colaboran a xoiería Kessarys, Autos Morán, Concello de Burela, Alain Afflelou Óptico, confeitería Anduriña, Limpezas Lema, Grupo Chave de Ouro, Pescados Rubén, librería Cadernos, Living Sport, Palacio de Cristal e Sex Place. O almanaque, que inclúe a axenda ligueira dos equipos burelistas de Primeira División Feminina e Segunda División Masculina e un póster central coa foto da familia laranxa, tamén se pode adquirir nas oficinas do club e nas librerías burelás Cadernos, Auma, Atril, Quiosco Alicia e Espacio Lector Nobel, ademais da empresa colaboradora  Alain Afflelou (prezo simbólico: 2 euros).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores