Noticias
9 de xaneiro de 2012
Panificadora 1-2 Marcón de Pontevedra

A pesar das baixas, o Panificadora plantou cara ao Marcón de Pontevedra, un dos equipos destacados da categoría, dominando o encontro de punta a cabo, pero sen o suficiente acerto nos metros finais ante a portería rival (1-2).

A presión que exerceu o equipo ribadense desde o primeiro minuto sobre o rival deu os seus froitos no minuto 3, por mediación de Elvira, ao bater a meta visitante, Helena, de tiro raso desde o bordo da área. Dous minutos máis tarde, ao saque dunha falta coa que dubidosamente o colexiado sancionou o Panificadora, supuxo o empate ao aproveitar Alicia o rexeite de Carla.

Transcorría o minuto 11 cando Nuria, en xogada persoal, se desfixo do seu marcador e se presentou soa ante Helena; esta derrubouna na súa saída, nunha acción que moi ben puido ser a expulsión da porteira coa súa correspondente falta, pero o colexiado non sancionou. A xogada á contra con Nuria polo chan facilitou ás de Pontevedra unha superioridade numérica para conseguir de novo Alicia o 1-2, resultado co cal se chegou ao descanso.

O marcador quedou inamovible na segunda metade aínda que o Panificadora o puxo todo e seguiuno intentando encerrando o rival na súa parcela, creando numerosas ocasións e con balóns á madeira, pero o gol resistíuselles ás xogadoras de Martínez. Os minutos finais foron de total abafo para o equipo visitante, que se viu totalmente superado polas ribadenses.

Con este encontro finaliza a primeira volta do campionato de Autonómica e haberá xornada de descanso na próxima fin de semana, o que lle virá moi ben ao equipo ribadense para recuperar algunha das súas xogadoras lesionadas.
O próximo encontro do Panificadora será de novo en Ribadeo o día 21, ante o Concello de Mos, segundo clasificado.

Provincial feminina. As mozas do Xoula golearon 8-2 ao Relúa de Xermade. Os goles locais foron conseguidos por Ana, Yoli, Elvira (2), Sabela, Elena (2) e Carla Bolaños. A próxima fin de semana as ribadenses desprazaranse a Becerreá.

Provincial masculina. Logo da xornada de descanso, o equipo ribadense viaxará a Abadín na próxima fin de semana.

 

Ficha técnica

Panificadora do Eo-Ribadeo FS: Carla, Elvira, María, Elena e Nuria, cinco inicial; tamén xogaron Ana, Sabela, Toñi, Arancha e Antía.

Marcón FSF: Helena, Bea, Laura, Jennifer e Marta Vázquez, cinco inicial; tamén xogaron Alicia, Marta Casalderrey, Sara, Alba, Patricia e Carla.

Árbitros: Benjamín Rivas Fouz e Javier Mogo Torrado, da delegación de Lugo. Mostraron cartóns amarelos a Alicia e Laura, polo Marcón, e a María, polo Panificadora.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores