Noticias
13 de xaneiro de 2012
A pola cuarta en Valladolid

O Burela FS Pescados Rubén viaxará mañá a terras pucelanas na busca da súa cuarta vitoria consecutiva. A décimo terceira xornada da Primeira División entre castelano-leonesas e galegas darase cita no pavillón Lalo García de Valladolid, a partir das 20.00 horas.

Despois do bo peche de 2011 (Cidade das Burgas 5-0 e Orvina 1-6) e de inaugurar 2012 con recital goleador (Rioja 7-0), a escuadra laranxa volve á carga para prolongar a súa mellor etapa do que vai de liga e coller folgos entre os aspirantes á Copa. Dende a oitava praza (19 puntos), o Pescados Rubén medirase a un rival que loita por saír dos postos de descenso; é décimo cuarto, con 7 puntos, en 2 vitorias como local (Orvina 7-4 e Majadahonda 2-1) e 1 empate a domicilio (Soto del Real 2-2).

Aínda así Javier Pardeiro advirte sobre as súas calidades: “A súa posición na táboa pode resultar enganosa; nos dous últimos encontros, co Ponte Ourense e Cajasur Córdoba, demostrou que está nunha liña ascendente, aínda que os resultados non o acompañaran”, explicou o estratega burelista, que destacou nas filas rivais “a recuperación de Naila, moi importante para o equipo, a Rosángela, que está na súa plenitude, e o perigo de Paula Botero”. “Non vai ser doado, pero nós temos que referendar o bo momento que estamos atravesando”, matizou o técnico mariñán. 

No vestiario laranxa, Lucía está sendo sometida ás probas pertinentes para atopar a mellor solución á súa lesión de ligamento cruzado anterior, cunha máis que probable intervención cirúrxica. O cadro valisoletano contará coa ausencia de Laura, lesionada a semana pasada no xeonllo dereito durante o encontro de Córdoba.

Próxima xornada. As pupilas de Pardeiro recibirán o Rubí FS catalán a vindeira semana. Vista Alegre acollerá o encontro o sábado 21, ás 18.30 horas, co sorteo dun Time Force, reloxo oficial da Liga Nacional de Fútbol Sala.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores