Noticias
13 de xaneiro de 2012
ElPozo-Burela FS, novo duelo ante rival directo

Nunha das competicións de Segunda máis rifadas dos últimos tempos, o Burela FS Pescados Rubén protagonizará mañá un dos duelos da décimo sexta xornada, fronte a ElPozo Ciudad de Murcia, con empate a 21 puntos. A cita entre o sétimo posto levantino e o sexto laranxa está prevista para as 17.30 horas, no Palacio dos Deportes da urbe murciana.

O capitán burelista, Juanma, destacou a fortaleza de ElPozo na súa pista: “Sabemos que vai ser moi díficil, o rival é forte na casa, conseguiu case o cen por cento dos puntos como local; non obstante nós comezamos o ano máis mentalizados e xa o demostramos en Xaén. Somos conscientes do que nos xogamos en cada partido e pelexaremos para que non se nos escapen os puntos”.

A única renda positiva que ata o momento obtivo o cadro levantino a domicilio foi na primeira xornada precisamente en Burela (3-3), algo que o alfocego considera casual. “O encontro da primeira volta non serve de referencia. ElPozo saltou á pista para defender e saír á contra e resultoulle ben, pero na casa será un rival que expoñerá moito máis; será un partido máis de ti a ti” analizou o Mariskal, que tamén cualificou as últimas chegadas como “dúas boas referencias que xa están perfectamente integradas”.

Nesta ocasión, compoñerán a convocatoria André, Purao, Ique, Juanma, Dani Martín, Christian, Iago Barro, Víctor López, Bebeto, Clebinho, Iago Míguez e o porteiro xuvenil Erik; Brais será baixa por unha contractura de glúteo.

A xornada tamén deparará os duelos entre o Hotels Plaza Andorra, segundo (27), e Sala 5 Martorell, terceiro (25), e entre UA Ceutí, noveno (21), e Manzanares, cuarto (22).

Próxima semana. O cadro laranxa alterará o seu horario habitual como local a próxima semana, ao coincidir con xornada da Primeira División Feminina en Vista Alegre. O encontro ante o Andorra será o venres 20, ás 21.00 horas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores